Burela, 13 de Agosto de 2018. Despois de que nas últimas datas se pronunciaran nos medios representantes tanto do PP como do PSOE, dende o BNG non entenden como existindo acordos unánimes tanto no concello de Burela coma na deputación de Lugo, a expensas da redacción dun proxecto para a construcción dun pavillón polideportivo en Burela, esas dúas formacións políticas pelexen sen avanzar nada ó respecto.
Para o voceiro do BNG en Burela, Mario Pillado, “estamos nas mesmas de sempre, eles mirando polos seus intereses e a veciñanza e o tecido asociativo deportivo de Burela agardando unha solución”. Lembra que “para nós era fundamental ter un acordo unánime da corporación municipal, o que non foi fácil de conseguir no pleno, pero semella que agora algúns non se lembran dese acordo”.
Llano sen proxecto e o PP utilizando as institucións para interese propio.
Do que se publicou nos últimos días nos medios, Pillado destaca que “O señor Alcalde de Burela, Alfredo Llano, comprometeuse a obter a redacción dun proxecto co que negociar financiamento coas institucións antes de Outubro, pero polo que vemos non o debe ter porque a propia deputación, gobernada polos socialistas, emprazou a firma dun convenio para o finamciamento ó momento de que existise o proxecto; e agora según o propio Llano conta, anda paseando pola Xunta cunha memoria, que non é de ningunha maneira o que se comprometeu a facer no pasado pleno do 6 de Xuño”. Ademáis o nacionalista engade que “semella que non dispón nin dos terreos, algo ó que tamén se comprometeu nese mesmo pleno, fala dun suposto terreo de 10.000 metros cadrados pero non di nada da súa compra”.
Por outra banda, o portavoz do BNG destaca que “dende o PP, que adoptou dende o principio unha actitude totalmente á defensiva, volven a empregar as institucións no seu propio interese partidista por riba dos intereses da veciñanza. Semella que o PP en Burela está para solucionarlle a papeleta á Xunta en lugar de defendelos intereses da nosa vila, sabendo como é evidente que é a Xunta quen mais se ten que mollar neste asunto”.
Por último, “vemos con preocupación como PSOE e PP empregan esta iniciativa do BNG no concello e na deputación para unha mais das súas disputas, en beneficio dos seus intereses partidistas e electorais, sen pensar na veciñanza nin no tecido asociativo da vila” dixo Pillado que rematou afirmando que “alí onde haxa un representante do BNG defenderá a construción do pavillón para Burela e defenderá os intereses da veciñanza, como sempre facemos”