O Valadouro 17-8-18. A Ponte literaria celebrarase o venres, 24 de agosto de 2018 ás 18:30 (coa posiblidade de incorporarse ao longo da tarde sen problema) no local social da parroquia d’A Laxe (sito na recta de Tanín) O Valadouro
Desde o verán de 2015, un grupo de persoas vinculadas á literatura, artellan unha experiencia participativa denominada “PONTE LITERARIA”.
Tratouse, no inicio, dunhas lecturas a carón das diferentes pontes do Valadouro, mais na actualidade, considerouse que un encontro baixo teito pode favorecer a presenza dun maior número de participantes e ao mesmo tempo, resultar máis cómodo para o público.
Para participar, só é preciso estar no lugar indicado á hora sinalada, mais a organización gustaría de coñecer o número de intervencións con antelación.
Para anotarse ou resolver calquera dúbida: 600378363 (tamén Whatsapp).
-PARTICIPARÁN, ENTRE OUTROS/AS:
Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón, Lionel Rexes, Iolanda Aldrei, Adela Figueroa, Manuel Regal, Pepe Peinó, Xulio R. Leiras…
-Leranse textos de Rita Geada, autora cubana con raíces no Valadouro.
-Por cumprirse neste ano o 70 aniversario da morte de Luís Trigo Chao “O Gardarríos”, Isaac Ferreira, escritor valadourense vinculado ao teatro, lerá unha peza dramática intitulada O cerco de Vilanova, baseada na noite en que o guerrilleiro caeu asasinado na capital de Lourenzá.
-O autor Lionel Rexes lerá varios fragmentos da súa novela A raíña das velutinas, escollendo para a ocasión aqueles que fan referencia a persoeiros e lugares do Valadouro.
-O novelista e dramaturgo Pepe Peinó contribuirá cun texto intitulado Cando eu era vello.
-O activista cultural Xulio R. Leivas lerá unhas conversas recollidas na montaña do Valadouro.
CONDICIÓNS XERAIS
Lecturas de 15 minutos como máximo
Cada lectura non deberá exceder os 15 minutos e os textos deberán ser de autoría propia.
Tras o tempo adicado ás lecturas, terá lugar un debate literario centrado nas obras expostas.
Doazón espontánea
É costume que os asistentes aproveiten a ocasión para se desfaceren de todos aqueles libros que xa non desexan conservar, deste xeito, outras persoas que participen na Ponte Literaria poderán conseguir exemplares que descoñecían e que nunca leran. Trátase, en definitiva, dun intercambio ou doazón espontánea de libros.
Público implicado
Se non desexas participar activamente, podes asistir como público; nese caso tamén poderás expor as túas sensacións no coloquio, e por suposto favorecerte da doazón de libros.
Artellan a Ponte Literaria: MANUEL LOURENZO, ISAAC FERREIRA, XESÚS PISÓN e LIONEL REXES.
Agradecementos para:
Comunidade de Montes da Laxe
Concellaría de Cultura do Valadouro