16 de Novembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias. “Camiño de ningures”

03-09-18

O Ministerio de Fomento está a piques de presentar no Consello de Ministros o real decreto polo que Audasa, a concesionaria da AP-9, incrementará as súas tarifas nun 2%.
As tarifas pactadas previamente cos gobernos de Zapatero e Mariano Rajoy encareceranse nos vindeiros meses; dita circunstancia non pode ser novidosa cando xa en xaneiro do ano en curso as peaxes experimentaran un incremento dun 1,91 %.
Xa hai anos que as autoestradas españolas se converteron nun apuro para o goberno central: primeiro pre-concursáronse as radiais madrileñas 2, 3, 4 e 5, cunha débeda en torno aos 2.700 millóns de euros; logo chegarían outras como a autoestrada Cartaxena-Vera (Aucosta).
O problema do carácter antieconómico das autoestradas españolas ten unha solución comprometida e afecta construtoras e entidades financeiras como FCC, Ploder, Ferrovial, Sacyr, Abertis, ACS, Acciona, OHL, Bankia, Cajamar, CAM, Caja Castilla La Mancha, Unicaja o La Caixa.
Todas estas entidades acordaron coa administración do estado que o xeito máis rendible para abaratar custes pasaba por prolongar a vida das concesións máis onerosas.
Ese mesmo negocio é o que ven de pactar o ministro de fomento con Audasa para o financiamento do novo vial de Rande, a circunvalación de Compostela e a mellora do enlace de Sigüeiro.
Aínda que o realmente significativo da concesión é que, mentres a principal autoestrada de Galicia pide subir as peaxes, as súas contas, depositadas na CNMV, arroxaban os seus mellores resultados dende o ano 2011. Audasa ingresou até o pasado 30 de xuño máis de 365 mil euros diarios en peaxes.
Semella evidente que o papel do estado, lonxe de velar polo interese xeral e a libre concorrencia competitiva, afianza un sistema de monopolio manifestamente contrario ós intereses da maioría. Colla o mesmo exemplo e faga extensión ó eido financeiro, ó enerxético, á saúde e a calquera outro sector estratéxico…
Estradas que nos levan camiño de ningures, o vello conto de falar en nome de todos, de facer uso do interese xeral para beneficiar ós amigos.
Logo sacaran a foto e pedirán gratitude. Vasalaxe, xa era así no medievo. Namentres, seguiremos a pagar entre todos os excesos duns poucos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive