16 de Novembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Lídia Senra reclama igualdade para a lingua galega ante o pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo

11-09-18

Estrasburgo, 11 de setembro de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou no pleno do Parlamento Europeo, que esta semana se está celebrando en Estrasburgo, igualdade para a lingua galega en todos os ámbitos e que todos os eurodeputados e eurodeputadas poidan expresarse en sede parlamentaria nas súas respectivas linguas, tamén nas que as institucións europeas chaman linguas minoritarias e que en realidade “son linguas ocultas e minorizadas pola imposición á forza e durante séculos das linguas alleas para convertelas en predominantes”. Así o puxo de manifesto durante unha intervención que levou a cabo este luns pola noite na Eurocámara durante o debate dun Informe sobre Igualdade Lingüística na Era Dixital que hoxe se somete a votación.

Senra pediu a palabra no pleno do Parlamento para defender que “o recoñecemento por parte das institucións europeas do galego e de todas as linguas dos pobos que conforman a realidade plurinacional dos Estados membros é fundamental e non pode depender só das decisións que toman os Estados que nos oprimen como pobos”.

Así, fixo fincapé na grave situación que está a atravesar a lingua galega no noso país, onde segundo os datos do último informe “Lingua e Sociedade 1992-2016”[2], elaborado pola Real Academia Galega, só o 30% das persoas de entre 15 e 19 anos falan o galego, fronte ao 75% das persoas maiores de 75 anos. O descenso nas xeracións máis novas é dramático e non cesará se non mudamos tamén a tendencia na presenza da lingua en internet. “O galego representa menos do 0,01 % dos contidos web. O galego ten que estar en igualdade de condicións presente en internet nesta era dixital para permitir que as persoas galego falantes poidamos desenvolvernos na rede con total normalidade en galego”, reclamou. Así pois, Lídia Senra, que avanzou o seu voto a favor do informe pola Igualdade Lingüística na Era Dixital, pediu que a Comisión Europeo tome as medidas necesarias para desenvolver estas prioridades.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive