25 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os populares remarcan que se Alfoz, Viveiro e O Valadouro non teñen obradoiros é porque os alcaldes non os solicitaron e acúsanos de “vagancia e pasotismo”

11-09-18

A Mariña. 11 setembro, 2018. Os voceiros do PP en Alfoz, O Valadouro e Viveiro, Juan José Fraga, José Manuel Lamela e Antonio Bouza, respectivamente, recoñecen “non dar crédito” aos argumentos esgrimidos polos alcaldes destes municipios para xustificar a súa decisión de non solicitar os obradoiros de emprego que concede e financia ao 100% a Xunta de Galicia.

Deste xeito, os populares reproban “o descarado atrevemento” dos rexedores socialistas, “pois se non dispoñen destas axudas é porque non as solicitaron. Todo o que digan a maiores son escusas de mal pagador, xa que as bases e os prazos que rexen estas subvencións son os mesmos para todos os Concellos”, precisan.

“É dicir, ou ben os nosos alcaldes non se enteran ou o que lles falta son gañas de traballar, sobre todo, indican, cando se demostrou que o Goberno galego non excluíu a ningún municipio”.

“Máis dignidade política”
Por este motivo, Juan José Fraga, José Manuel Lamela e Antonio Bouza pídenlle aos respectivos alcaldes “que se deixen de enredar e que teñan algo máis de dignidade política”. E é que, apuntan, “saír na prensa intentando xustificar a súa vagancia e inoperancia na xestión, é un insulto a todas as persoas que están no paro e, que pola súa deixadez, non poden optar aos contratos que ofrece a administración autonómica ao abeiro desta iniciativa”.

“Claramente se demostra que existe un desentendemento dos nosos gobernos, o que provocou que os veciños de Alfoz, O Valadouro e Viveiro perdesen a oportunidade de ter formación e un contrato laboral durante como mínimo 9 meses”. Neste senso, subliñan, “poden escudarse no que sexa, pero todo o que digan carece de valor, pois a situación sería ben diferente se houbesen traballado en tempo e forma como o fixeron outros alcaldes da Mariña”. Por motivo, lamentan, “constatar que temos uns alcaldes que non sabemos moi ben a que se dedican. Dende logo a preocuparse polos seus veciños, non”, insisten.

“Decepción para os beneficiarios”
Juan José Fraga, Lamela e Antonio Bouza cren que “isto supón unha decepción para os posibles beneficiarios destes programas”. No caso do Concello de Alfoz, segundo explican, “poderíase ter cursado unha solicitude conxunta con outros dous concellos limítrofes, como o de O Valadouro, que beneficiaría a unha vintena de persoas no paro”; xa que “as únicas condicións establecidas na convocatoria son as de que o Concello conte cun total de persoas desempregadas superior ás 500 ou que se asocien tres concellos limítrofes para a súa solicitude”. E, no caso de Viveiro, é porque a alcaldesa non o solicitou “sen máis”, ao igual que fixo en 2017.

“É moi grave que unha entidade local perda unha axuda da Xunta polo simple feito de non tela solicitado cando é a administración autonómica a que sufraga integramente o custe deste tipo de programas. Realmente non o podemos entender”, conclúen.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive