11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Adega e Mariña Patrimonio denuncian na fiscalía a destrución do Castro de Trinidade – Flores de Mondoñedo

09-10-18

Lugo, 09 de outubro de 2018.- As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron o pasado 17 de setembro varias denuncias ante a Fiscalía por diferentes disposicións do Departamento de Patrimonio Cultural, da Consellaría de Cultura, da Xunta de Galicia que poderían ser constitutivas de delito. Unha destas denuncias fai referencia á destrución do Castro de Trinidade-Flores, situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá (Lugo).
ADEGA e Mariña Patrimonio informaron a Fiscalía de que a empresa propietaria da canteira do Monte da Trinidade puido ter ocasionado danos irreparables na meirande parte deste ben patrimonial, e que a Xunta de Galicia incumpriu o seu deber legal de protexelo, malia a ter recibido varias denuncias, tanto por parte de particulares, como da Asociación de Fabricantes de Formigón ou das organizacións ADEGA e Mariña Patrimonio. Estas últimas tiveron que recorrer ao Valedor do Pobo para poder acceder á documentación relacionada con estes feitos e solicitada infrutuosamente a Patrimonio Cultural. A isto hai que engadir, que a Administración galega tiña no seu poder diferentes informes arqueolóxicos alertando de que a canteira estaba a destruír o xacemento.
Pola súa parte, persoal técnico da Xunta elaborou un informe no que se pretendía demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, coa finalidade de quitarlle a protección que lle corresponde, a pesar de que os citados arqueólogos contaban con numerosa documentación que certificaba a existencia do Castro de Trinidade-Flores, o cal xa figura desde os anos 90 no Inventario e no Catálogo de bens patrimoniais de Galicia. Ademais, neste xacemento castrexo atopárase en 2008 un excepcional machado votivo de bronce, feito que tamén parece pasar desapercibido para o departamento de Patrimonio da Xunta.
A non paralización das actividades mineiras que afectaban ao castro, xunto cos informes elaborados polos técnicos da Xunta para desprotexelo, puideron ser determinantes para a destrución deste ben patrimonial. A día de hoxe a canteira continúa a destruír o xacemento sen que a Xunta nin Concello fagan nada para evitalo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive