11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Barreiro: “Os senadores queremos coñecer cuestións concretas sobre as nosas infraestruturas porque a visita do ministro de Fomento non resolveu as dúbidas dos lucenses”

08-10-18

8 de outubro, 2018. O portavoz adxunto no Senado, José Manuel Barreiro, acompañado dos senadores pola provincia Fernando Carlos Rodríguez e Gerardo Criado e a presidenta provincial, Elena Candia, anunciou este luns que o Grupo do PP preguntará no Senado ao Goberno de Sánchez polo que leva feito en materia de infraestruturas tendo en conta as partidas orzamentarias que o Executivo de Mariano Rajoy deixara consignadas como “mostra do seu compromiso con Lugo”.

Ante a visita do ministro de Fomento a Galicia “que non resolveu as dúbidas dos lucenses”; os senadores populares da provincia queren coñecer “cuestións concretas” sobre as comunicacións de Lugo con Santiago a través da A-54, con Ourense e Chantada a través da A-56 ou sobre o avance da A-74 na Mariña e o sistema de protección antinéboa na A-8. Así mesmo, tamén en materia de infraestruturas os populares preguntarán na Cámara Alta se o Goberno manterá o compromiso do anterior Executivo popular coa chegada da alta velocidade a Lugo para o 2021; así coma para a construción dunha nova Comisaría de Policía no terreos do antigo hospital.

Os populares levarán así ao Senado todos os compromisos asumidos nos Orzamentos aprobados polo Goberno do PP cos votos en contra do PSOE. “O que asumira Mariano Rajoy para este ano nos Orzamentos Xerais do Estado xa o coñecemos, pero queremos saber se o Goberno de Pedro Sánchez fixo algo ao respecto”, explicou Barreiro, porque “senón, temos que interpretar que non fixo nada”.

Actualidade política
O Grupo Popular no Senado tamén presentará outras iniciativas ao Pleno desta semana. Unha delas, tal e como destacou o portavoz adxunto, será sobre “a situación que vive Cataluña e que está dexenerando a medida que pasa o tempo ante a pasividade cando non complicidade do Goberno que está a pagar as consecuencias da investidura de Pedro Sánchez”. Ante esta “preocupante situación”, os populares queren coñecer a postura do Executivo de Pedro Sánchez e reitéranlle a oferta da maioría absoluta do PP no Senado para adoptar unha medida que xa levaran a cabo os populares: a aplicación do artigo 155 como Pablo Casado dixo que, se fose presidente, aplicaría ante esta “grave situación que se vive en Cataluña de falta de respecto á legalidade vixente”.

Desaceleración económica e liberdade de expresión
Os populares dirixiranse á ministra de Economía para trasladarlles a súa preocupación ante a preocupante desaceleración económica que está a vivir o país con respecto aos países do noso entorno” e, sobre todo, porque os populares están a detectar que “o Goberno de Sánchez “mira para o outro lado”. Igualmente, o Grupo do PP cuestionará no Pleno ante o Executivo a programación da televisión pública que en días pasados incluíu certa información sobre unha persoa “que ten cometido delitos que atentan contra a estrutura do Estado”.

Traballo dos populares de Lugo
A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, aproveitou a ocasión para agradecer o traballo dos senadores populares como “garantes da execución dos compromisos económicos en relación a aspectos importantes para a provincia que o Partido Popular recollera nos orzamentos deste ano”.

Tal é así que a información facilitada no día de hoxe por José Manuel Barreiro responde á petición da presidenta de que os representantes do PP noutras administracións dean conta periodicamente do traballo que están a levar a cabo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive