Cervo, 18 de outubro de 2018.- O Concello de Cervo abre o prazo de solicitude de axudas para a adquisición de libros e material escolar para as familias do alumnado de Educación Infantil (2º ciclo) do CEIP Península da Paz.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 13 de novembro.
O rexedor, Alfonso Villares, apuntou que “dispuxemos dunha partida orzamentaria de 4000 euros para estas axudas e cada escolar recibirá un máximo de 130 euros, en función da renda familiar”.
A edil de Educación, Dolores Gacía Caramés, apuntou, pola súa banda, que o motivo polo que agora só se abre a convocatoria do CEIP de San Cibrao, ten que ver cos diferentes modelos de xestión de material adoptados por un e outro centro de primaria do municipio; no CEIP de Cervo este trámite lévase a cabo a finais de curso”.
Cada impreso de solicitude deberá ir acompañado das fotocopias do DNI dos membros da unidade familiar, unha fotocopia do libro de familia, certificado do nivel de renda e factura da compra ou orzamento do material adquirido nun establecemento comercial do municipio. A documentación ten que presentarse no Rexistro Xeral do Concello.
Os impresos están dispoñibles para a súa descarga no taboleiro de anuncios da web municipal www.concellodecervo.com.
Estas axudas veñen sumarse a outras que desde o Concello de Cervo se reservan cada ano en beneficio das familias e da educación, como son as axudas de transporte, ás ANPAS e aos diferentes centros escolares do municipio.