20 de Novembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación destina 1,6 millóns ao funcionamento e ás prazas das residencias públicas de Trabada e Ribadeo

02-11-18

Lugo, 2 de novembro de 2018. A Deputada de Económica, Mayra García Bermúdez, informou este venres que a Xunta de Goberno aprobou hoxe os convenios específicos da Deputación cos Concellos de Trabada e Ribadeo para a posta en marcha dos centros de maiores públicos nestes municipios e o cofinanciamento aos maiores da provincia das 98 prazas de residencia e centro de día que en total ofrecen estas instalacións sociais co obxectivo de que todos os lucenses teñan acceso ás mesmas con independencia da súa situación económica.

García Bermúdez explicou que os convenios reflicten unha achega anual da Deputación duns 1,6 millóns, pois son 805.601 euros para o funcionamento e o cofinanciamento das prazas do centro de maiores de Trabada e 841.948 euros para o de Ribadeo.

O prezo público das prazas, é dicir, o que lle custa á Deputación e aos Concellos, é de 1.390 euros/mes para dependentes en residencia, 1.080 para non dependentes en residencia e 550 a xornada completa en centro de día.

Estes non son os custos das prazas para os usuarios, pois o que pagarán polas mesmas os maiores da provincia calcularase atendendo aos seus ingresos e ao seu patrimonio, deixándolles sempre marxe económica para os seus gastos diarios ou fixos.

Para elo, a Deputación cofinanciará as mesmas nun 75% e os Concellos nun 25%. Por parte do organismo provincial, isto supón ata 600 euros/mes para a praza de residencia e de 200 euros/mes para a xornada completa en centro de día. Se estes fondos non son suficientes para o usuario, a Deputación asumirá a cantidade restante ou o déficit para a praza nos centros de Concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o de Trabada; e os propios municipios cando superen dita poboación, como é o caso de Ribadeo.

A Deputación cofinancia as prazas a todos os maiores da provincia. Os Concellos aos veciños do seu municipio.

O centro de Trabada ofrece 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. O de Ribadeo 48 de residencia. Isto supón unha suma de 98 prazas.

Tal e como recollen os regulamentos que xa aprobaron os Concellos nos Plenos municipais, teñen prioridade de acceso ás prazas primeiro os veciños do propio municipio onde se sitúa o centro, logo os da bisbarra e seguidamente lucenses en xeral.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive