20 de Novembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta acometerá de xeito inminente unha obra de emerxencia no CEIP Virxe do Carme de Burela para corrixir as filtraccións de auga agravadas tras os últimos temporais

08-11-18

Burela, 08 de novembro de 2018.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional intervirá de xeito inminente no CEIP Virxe do Carme de Burela acometendo unha obra de emerxencia co obxecto de corrixir as filtracións de auga que se están a producir en diferentes puntos das instalacións deste centro.

Así o avanzou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nun encontro que tivo lugar esta tarde e no que participaron membros da dirección do centro e representantes da asociación de nais e país.

Os traballos, para os que se reserva unha partida económica urxente de 23.000 euros teñen previsto iniciarse a vindeira semana, toda vez que nesta tivo lugar a visita da unidade técnica que avaliou os desperfectos e definiu as solucións propostas que pasan por unha reforma integral nas conducións de augas pluviais.

A Xunta opta por anular o canalón de zinc incrustado no interior do aleiro da cuberta, moi deteriorado nos seus enlaces e con carencia de morteiro, realizando unha nova ponte de lousa entre ambos treitos do tellado co fin de encauzar a auga ata o exterior, así como a renovación de baixantes e ancoraxes.

Para acometer algúns destes traballos será preciso a demolición parcial da cuberta, sobre todo para acceder as canalizacións interiores, procedéndose á súa reposición unha vez finalicen as obras. Tamén procederase ao cambio dos canalóns e baixantes dos patios interiores do edificio 3 así como a reparación dos canalóns do ximnasio.

En resume, o obxectivo é garantir unha maior estanquidade das novas instalacións, que evite filtracións, con atención especial ao forxado superior da zona das aulas, precisamente a que presenta máis danos, polo deterioro das baixantes. Como medios auxiliares está previsto o uso de plataformas elevadoras e, naquelas zonas onde non sexa posible, se procederá ao montaxe de andamiaxe.

Mal mantemento
O informe técnico acredita que as deficiencias foron agravadas como consecuencia dos temporais das últimas semanas pero tamén apuntan a unha mala conservación e mantemento das instalacións, imputable ao abandono do Goberno local.

Lembran que existe un acordo entre a Xunta e Fegamp que a modo de exemplo recolle expresamente, na súa cláusula cuarta, que o Concello debe acometer traballos como a limpeza e reposición de canlóns e baixantes. Igualmente, son competencia do concello o arranxo de goteiras no tellado, desatascamento de conducións de augas, e a reparación en xeral das instalacións, incluído a pintura das aulas.

“Con todo desde a Xunta vamos a actuar sen máis demora. Para corrixir a situación actual, porque non é aceptable, nin debe prolongarse no tempo. A Xunta é sensible ás demandas da comunidade escolar e actuará de inmediato”-asegura o delegado.

Investimento continuo da Xunta no centro
Desde a administración autonómica lembran tamén que desde o ano 2012 a Consellería promoveu e pagou obras por importe de 108.000 euros, entre as que citaron a reparación do peche perimetral, a nova cuberta no edificio 2, a reforma da cuberta do pavillón, a reparación de canlóns edificio 3 e a mellora das baixantes pluviais edificio 2, espazos sobre os que agora, precisamente, non será preciso actuar por atoparse en bo estado.

Remodelación integral
Balseiro tamén trasladou aos representantes da comunidade escolar que a Xunta estuda acometer un proxecto máis ambicioso a medio prazo para a mellora das instalacións. Neste caso confirmou que se está valorando unha reforma integral, mellora enerxética e modernización das instalacións e da estrutura do colexio.

Trátase dun centro complexo que consta de tres edificios e un pavillón, situados na mesma parecela e de distinta antigüidade. A modo de exemplo, Balseiro avanzou que sería unha actuación similar a acometida recentemente no CEP Lois Tobio de Viveiro.

Entre os principais traballos alí executados está a substitución de fiestras e carpintería exterior por outras de maior estanqueidade ao aire e resistencia térmica (dobre cámara), substitución das caixas das persianas, inxección de illamento térmico na cámara e no interior dos forxados dos porches, substitución das luminarias existentes por outras de baixo consumo, colocación de detectores de presenza, traballos de acondicionamento interior (incorporación de falsos teitos, reparación e pintado de parámetros interiores), etc.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive