20 de Novembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Amores que matan”

06-11-18

Asisto atónito aos últimos capítulos que poñen o foco nos símbolos do estado e nas súas teóricas ofensas.
Custa crer que un país que olla cara abaixo diante de recortes de dereitos, corrupción e desigualdade, reaccione airado a un sketch humorístico, sexa este afortunado ou non.
Indignación por un gag, pasividade coa política lesiva cara as maiorías socias. Que gran éxito do poder!.
Están tratando de convencernos de que os que se senten españois (na súa lexítima elección) están ameazados. Ameazámolos os que non falamos castelán. Amezámolos os que cremos en solucións de diálogo a problemas políticos. Ameazámolos os que non acreditamos nas cargas policiais contra cidadáns libres que queren expresarse sen violencia. Ameazámolos os que entendemos que as monarquías non son propias deste século. En definitiva, ameazámolos todos aqueles que somos críticos, que cuestionamos a construción deste estado que deixou esquecida a multiculturaridade e o pensamento en beneficio da imposición e o afianzamento das clases privilexiadas que seguen por activa ou por pasiva controlando todos os estamentos do país.
Unha oportunidade perdida non ter construído ese estado federal, retroalimentado do moito talento que naceu, viviu e loitou pola igualdade e a xustiza social.
Serán conscientes os que seccionan con frenesí outra concepción do estado a desafección que crea con España ver que a bandeira sempre estea presente “erguida con gallardía” nas estampas máis rancias?: desfiles da cabra, touradas…
Cadaquén ten a oportunidade de escoller. O ultraespañolismo que rexurde tralo procés embárcase con Arévalo e José Manuel Soto e esquece a García Lorca. Vai a Altsasua a dicirlle a un pobo indignado cunhas penas desmedidas, quen é o que manda, e “jalea” aos corpos de seguridade cun “-a por ellos oé-” para que non se midan á hora de golpear a civís cuxo delito era querer expresarse.
Españois no paro que pagan a luz máis cara de Europa preocupados en primeiro lugar pola “unidade nacional”. Españois mudos á venda de armas que arrasan poboacións civís, e exaltados pola ultraxe á bandeira cometida por un cómico.
Imaxina vostede á poboación rural galega indignada por ser constantemente a materia prima da que se nutre o humor da TVG? Eu non, a verdade. Nin máis parvos, nin mais listos, pero si máis sans. Rirse dun mesmo é un exercicio moi saudable. Por iso Arévalo se achega a Vox, por respecto á patria. Iso si, xa despois sigue cos chistes de mariquitas e tartajas, que ises non contan.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive