20 de Novembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“GRAZAS POR NADA, SRA. OTERO”

02-11-18

A Sra. Otero Rodríguez vén de despedirse como membro da Corporación Municipal do Concello de Burela logo de tres anos e cinco meses como concelleira con responsabilidades de Goberno e a sete meses das vindeiras eleccións. E cál é o seu legado? Vexamos.
Nada que agradecerlle en canto ao arranxo iniciado co goberno municipal do PP das dúas vivendas de mestres desafectadas en 2014 para acollida de vítimas de violencia de xénero e para locais para asociacións. Non o continuou e polo tanto, a día de hoxe, non temos vivenda de acollida para vítimas de violencia de xénero ou persoas en risco de exclusión.
Nada que agradecerlle no relativo á memoria de avaliación do Plano de Igualdade entre mulleres e homes 2015-2017. Os folios seguen en branco.
Nada que agradecerlle no tocante ao Plano de Igualdade para 2017-2019. Nin tan sequera fixo o limiar.
Nada que agradecerlle para acadar o Punto de Encontro que figuraba no Plano de Igualdade. Non fixo ningunha xestión.
Nada que agradecerlle en canto ás negociacións coa Xunta sobre o concerto das prazas do Centro de Día para persoas con discapacidade. Non fixo tal negociación.
Nada que agradecerlle nas xestións ante Portos de Galicia: non fixo ningunha. É máis, cando viña o Presidente de Portos a Burela, ela non estaba nas visitas.
Nada que agradecerlle nos traballos para sacar adiante a Relación de Postos de Traballo dos empregados municipais, aínda que ela participou de xeito “presencial” nas reunións a tal efecto. O asunto está igual ca hai dous anos.
E agora vén presumindo de que deixa, ¡tres anos e cinco meses despois!, os proxectos para a vivenda de violencia de xénero. E qué fixo neste tempo?. E que rematou coa débeda do Concello: esquece que entre xuño 2011 e xuño 2015 tamén se amortizaron preto de 1.639.000 euros e que a 31 de decembro de 2014 había 1.605.000 euros de remanente; de non ser así, non podería presumir tanto…
Sen dúbida, xa está na historia do Concello de Burela coma a peor concelleira de Servizos Sociais. Polo tanto, Burela non ten ningunha débeda coa Sra. Otero, non hai nada que agradecerlle. Se cadra, ela si ten que estar agradecida por cobrar neste tempo 14.000 euros/ano dos cartos de todos os veciños…, por nada.
PD.- Sra. Otero, cando fale, entérese ben, lea os papeliños. Nos presupostos da Xunta si hai cartos para a EDAR de Burela e non só os 770.000 euros para este ano. Aclarámosllo nós, hai 9 millóns no horizonte dos vindeiros catro anos. Tamén hai 1.137.297 nos exercicios de 2019 e 2020 para o segundo martelo de abrigo do porto. E outros 200.000 euros para 2019 para a nave de redes. Todo iso sen ningunha xestión nin de vostede nin do Sr. Llano. Pois iso, nada que agradecerlle.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive