20 de Novembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Tres estudantes da provinica acadan os premios extraordinarios de ESO polo seu rendemento académico

07-11-18

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a 20 alumnos e alumnas galegos os Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao rendemento académico correspondentes ao pasado curso 2017/18.

Estes galardóns, instaurados con carácter anual, teñen como finalidade valorar o esforzo e dedicación do alumnado que cursou ESO no sistema educativo galego cun excelente aproveitamento académico.

Nesta edición, na provincia de Lugo resultaron galardoados 3 alumnos. Trátase de Eva Sanmartín Vázquez do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba), Paula García Corral do IES Vilar Ponte (Viveiro) e Pedro Ferreiro Rega do IES Lucus Augusti (Lugo).

A listaxe dos galardoados pódese consultar no Diario Oficial de Galicia, na ligazón https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181107/AnuncioG0534-291018-0001_gl.html.

Cualificación superior a 9 puntos
O conxunto dos 20 premiados de toda Galicia (a razón de 6 pola provincia da Coruña, 3 de Lugo, 6 de Ourense e 5 de Pontevedra) obtiveron unha media das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9, e deles, o 55 por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10; o 35 por cento de entre 9,25 e 9,75; e o 10 por cento restante de entre 9 e 9,25.

Así mesmo lograron as mellores cualificacións na proba realizada para optar a ditos premios, que estaba estruturada en dúas partes. Unha primeira relacionada coas materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda sobre xeografía e historia, matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas e unha materia a escoller entre bioloxía e xeoloxía, economía, física e química, e latín.

Cada premio está dotado cunha contía de 750 € e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive