19 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A empresa navarra Idea foi elixida para xestionar a nova residencia de maiores de Foz. Este acordo, adoptado hoxe, deberá ser ratificado pola corporación municipal no pleno que se celebrará o día 13 deste mes

05-12-18

Foz, 4 de decembro de 2018. A empresa navarra Idea foi elixida para xestionar a nova residencia de maiores de Foz. Este acordo, adoptado hoxe, deberá ser ratificado pola corporación municipal focense no pleno que se celebrará o día 13 deste mes.
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, explicou que “hoxe deuse un paso importante respecto ao expediente do xeriátrico de Foz, porque remataron as mesas de contratación e resolveuse o concurso con tres empresas que optaban á xestionar a residencia de maiores. Concretamente proponse para a súa adxudicación a empresa mellor puntuada unha vez que se fixo a valoración conxunta tanto das ofertas técnicas como das económicas e a empresa que resulta adxudicataria de forma provisional é Idea, que é de Navarra e quere estender a súa actividade tamén á zona norte de Galicia. Isto é o que se vai propoñer ao pleno da corporación municipal, que é o órgano competente para tomar decisións. Esta empresa é a adxudicataria provisional e, pendentes dos períodos de posibles alegacións, se todo sae segundo os prazos previstos sería posible contratar, se así se determina, á empresa Idea xa neste ano”.
O rexedor municipal engadiu que “a partir de aí é necesario un prazo prudencial para preparar a residencia e elixir ao persoal, para o que neste caso hai un compromiso polo que os que están traballando actualmente no asilo teñan prioridade para seguir na nova residencia. O obxectivo é iniciar o antes posible a actividade no xeriátrico, que para iso está equipado”.
Javier Castiñeira rematou comentando que son “boas novas e estamos satisfeitos de que este proceso público, cristalino e transparente teña chegado practicamente ao seu fin aínda que será o pleno o que decida o día 13 a contratación definitiva”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive