19 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Centro de emprendemento de Sargadelos amplía a súa oferta cun café – bar cultural

05-12-18

Cervo, 5 de decembro.- O Centro de Emprendemento acondicionado no edificio das Antigas Cabalerizas de Sargadelos amplía a súa oferta de actividades cun café-bar cultural.
O rexedor, Alfonso Villares, asinou esta mesma mañá o contrato coa persoa adxudicataria do local número 4, de 67,8 m², Alba Fernández Rubal.
En concreto, neste establecemento desenvolveranse actuacións socioculturais de carácter multidisciplinar tales como exposicións, concertos, xornadas gastronómicas, contacontos, charlas, monólogos ou presentacións de libros; co obxectivo de contribuír a darlle pulo ao Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos.
Esta actividade vén sumarse ao centro ecuestre “Cabaliño de Pao” que botou a andar este pasado verán cunha gran acollida e que fai uso do espazo exterior anexo ao Edificio das Cabalerizas, con cuberta e de 100 m2; e dun dos locais interiores; e ao establecemento de alimentación ecolóxica que abrirá as súas portas proximamente.
O rexedor apuntou que a día de hoxe aínda quedan un par de locais dispoñibles aos que pode optar calquera persoa que desexe desenvolver a súa actividade nesta contorna facendo fronte a un aluguer duns 20 euros ao mes “sempre que dean cumprimento a uns requisitos que son moi accesibles”.
Villares recordou que este Centro de Emprendemento de Sargadelos é unha aposta importante deste equipo de goberno, coa que perseguimos un dobre obxectivo, por unha banda darlle ese impulso ao Conxunto Histórico; e por outra ofrecerlle a estas persoas emprendedoras e con ideas novidosas e interesantes unha opción para poder iniciar a súa actividade facendo fronte a un custe asumible.
Recordou, así mesmo, que os espazos poderán ser destinados a calquera actividade comercial relacionada co sector artesanal que segue a ter prioridade; pero tamén cos produtos ecolóxicos, co sector turístico, coa hostalería, co sector educativo, terapéutico ou con calquera outra actividade relativa ao sector terciario.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive