19 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os socialistas reclaman a implicación da Xunta para reivindicar a flexibilización da prohibición de descartes na pesca

04-12-18

Santiago de Compostela, 04 de decembro de 18. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, reclamoulle hoxe ao goberno galego que respalde ao sector pesqueiro na súa reivindicación para flexibilizar a obriga de prohibición de descartes e obriga de desembarque. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Pesca, hoxe no Pleno do Parlamento, na que lle reclamou que atenda ás demandas do sector diante desta medida, que será aplicada en xaneiro.

Reclamou o apoio do goberno galego diante dos riscos desta medida drástica, que ao prohibir os descartes obriga a contabilizar todo o peixe que suba á cuberta, co perigo de ter que amarrar a flota de forma prematura por cubrir o cupo, así como problemas de espazo a bordo. A incidencia será maior, advertiu, nas pescarías mixtas, onde “poden vir especies de cota cero xunto coa especie principal”.

Reivindicou a posta en marcha de axudas para paradas temporais subvencionadas ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca –FEMP- atendendo ás demandas dos armadores, que en abril reclamaron o apoio do goberno galego diante dos recortes previstos para a pescada e que “a día de hoxe as axudas están sen se publicar”.

Esixiulle tamén ao goberno galego “anticipación” nas negociacións para defender “o mellor resultado posible para os intereses do noso sector” á hora das asignacións de cota pesqueira e diante dunha inminente redución no reparto. Propuxo presentar ditames científicos sobre a recuperación de especies como a xarda e especies que sofren os maiores recortes con peores consecuencias para Galicia.

Desleixo

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, criticou hoxe o “desleixo” e falla de compromiso do goberno galego diante do inminente endurecemento da redución nas cotas pesqueiras por parte da UE. A responsable socialista lembrou que a Xunta deixou sen executar o 63 por cento do orzamento do programa de mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura.

O escaso interese do goberno galego por investir o orzamento comprometido no programa que absorbe a maior parte do Orzamento da Consellería de Pesca, dixo, da a medida do interese por recuperar a actividade no sector. Toja lembrou que este desinterese levou a que 4.400 persoas deixaran de traballar na pesca entre o primeiro trimestre de 2017 e o primeiro de 2018, reducindo nun 21 por cento os ocupados nun só ano, e 4 de cada 10 dende 2009.

A responsable socialista sinalou que “non podemos continuar perdendo 1.000 traballadores do mar cada ano”, e reclamoulle ao goberno galego que tome medidas para volver a facer do mar “un recurso laboral viable para os galegos e as galegas”. Unha tarefa, dixo, que resulta “imposible mentres deixan no caixón, sen executar. 6 de cada 10 euros” dos que dispón a Consellería de Pesca para o sector.

Toja reclamou hoxe a implicación do goberno galego para acadar “un sector competitivo” a partir dunha “xestión sustentable dos recursos pesqueiros”. Reclamou en primeiro lugar que o goberno galego escoite as propostas do sector para ofrecer “solucións adaptadas a cada caso concreto” diante da inminencia da aplicación da obriga de desembarques, o próximo 1 de xaneiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive