21 de Xaneiro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta executa traballos de conservación e limpeza en varios tramos dos rios Tronceda, Gontán e Masma, no Concello de Mondoñedo

11-01-19

Mondoñedo, 11 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de mantemento, conservación e mellora das marxes e cuncas fluviais de tres ríos no concello de Mondoñedo.

En concreto, a administración autonómica impulsa a limpeza nun treito de 1,6 quilómetros do río Gontán, 890 metros do río Masma e 175 metros do río Tronceda. Segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, os principais traballos consisten na retirada de árbores e pólas caídas sobre a canle e as marxes, así como da madeira morta existente.

As tarefas executaranse nos vindeiros días nos lugares de Ponte Cabana e Ponte Viloalle, nas parroquias de Nosa Señora dos Remedios e Santa María de Viloalle respectivamente.

O delegado afirmou que “Augas de Galicia busca mellorar o dominio público hidráulico, as zonas de acceso e protexer as marxes dos ríos da súa competencia, e por iso impulsa estas actuacións moi ben acollidas pola veciñanza que as demanda, xa que contribúen a manter en bo estado estes espazos”.

Neste sentido, lembrou que os traballos encádranse nas actuacións que ao longo do ano desenvolve Augas de Galicia para o mantemento, conservación e mellora nas bacías da Demarcación Galicia-Costa co obxectivo de garantir a protección dos ecosistemas fluviais, así como asegurar a correcta circulación das augas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive