25 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Marta Rey liderará unha nova etapa no PSOE de Ribadeo co apoio da militancia

12-01-19

Ribadeo, 12 de xaneiro de 2018.- O PSOE de Ribadeo celebrou unha asemblea extraordinaria de militantes para elixir ao novo candidato socialista ás próximas eleccións municipais. Foi elixida por maioría absoluta a candidatura de Marta Rey. Esta graduada en turismo e veciña de Ribadeo, liderará, con tan só 24 anos, a lista do PSOE neste municipio mariñán. Esta militante, que foi Presidenta da Comisión de Festas de Ribadeo, será a primeira vez que participe nunhas eleccións municipais.

A recente candidata do PSOE á alcaldía de Ribadeo agradeceu a confianza e o apoio amosado pola Executiva Municipal e polo resto de compañeiros e adiantou que están traballando para confeccionar unha lista potente dos socialistas para as eleccións municipais, “que representará ao conxunto da sociedade de Ribadeo”.

Marta Rey explicou que “dende o PSOE imos presentar un proxecto de cambio, a medio e longo prazo, que levante a ilusión dos socialistas de Ribadeo, propoñendo iniciativas sumamente progresistas e de transformación para o noso Concello. Aínda que este é o meu primeiro contacto en política, estou convencida de que sacaremos uns bos resultados o vindeiro 26 de maio. Para iso, traballarei con toda a ilusión, esforzo e honradez que me caracterizan, estando ao pé da rúa, escoitando as demandas dos nosos veciños e veciñas co principal obxectivo de ofrecer unha proposta que englobe e aglutine as principais necesidade da cidadanía”.

“Os socialistas queremos unha vila moderna e igualitaria que sexa capaz de aproveitar as oportunidades que nos ofrece o territorio, dinamizando a economía, o emprego e todo o sector servizos, co fin de impulsar o turismo e facer de Ribadeo un referente en toda Galicia. Sen esquecernos dos nosos maiores, aos que temos a obriga de ofrecerlles as prestacións necesarias para o seu día a día, así como mellorar a calidade de vida das persoas que viven no rural” engadiu a candidata socialista.

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, trasladou á candidata o respaldo do partido a nivel provincial e a total confianza de que desenvolverá un bo traballo para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ribadeo. “Fai falta unha rexeneración no Consistorio, que abra as súas portas e dea paso a unha nova xeración e un cambio político. Estou seguro de que Marta é a persoa idónea para liderar ese cambio”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive