26 de Marzo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, é o único centro de galicia que ofrece a acreditación da experiencia profesional en obras de interior, decoración e rehabilitación. o prazo para presentar as solicitudes empeza o vindeiro luns, día 14

11-01-19

Ribadeo, 11 de xaneiro de 2019. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, é o único centro de Galicia que ofrece a acreditación da experiencia profesional no apartado de obras de interior, decoración e rehabilitación. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde o vindeiro luns, día 14, ata o 7 de febreiro.
O xefe dos departamentos de Acreditación e Probas e de Edificación e Obra Civil no CIFP Porta da Auga, José Méndez de Andés, explica que este proceso “consiste en que a xente que ten experiencia laboral, traballando en distintos sectores da Formación Profesional pero non teñen titulación nin documentación que o acredite teñen a maneira de poder sacar unidades de competencia relacionadas co traballo que están desempeñando. Aquí temos a acreditación de competencias na familia de Edificación e Obra Civil, concretamente no ciclo medio de obras de interior, e a xente do sector de construción e afines, no que sabemos que hai moitos traballadores que teñen moitos anos de experiencia, moi bos profesionais pero que non teñen nada que lles poida acreditar esa formación, desta maneira presentando documentación (vida laboral, contratos de traballo, cursos que teñan feitos de formación non regrada, …) poden sacar unidades de competencia relacionadas coa familia de Edificación e Obra Civil. Esas unidades de competencia convalidan parte dos módulos formativos do ciclo que temos e poderán incluso sacar despois a titulación de técnico en obras de interior”.
José Méndez de Andés engade que “para presentar toda a documentación teñen de prazo desde o 14 de xaneiro ata o 7 de febreiro e este ano hai unha novidade, porque antes presentábase a través dunha aplicación e despois no centro onde ían facer a acreditación de competencias, pero agora aparte diso teñen que presentala a través do DNI electrónico ou coa Chave365, para o que teñen que darse de alta e subir a documentación a través desa plataforma. Neste centro, tanto a orientadora como eu mesmo, estamos dispostos a axudarlles a todas aquelas persoas que queiran acreditar esa experiencia, porque é un bo momento para poder obter unha titulación que lles vai facer falta aínda que sexan grandes profesionais”.
Ademais Méndez de Andés recomenda que os interesados vaian ao CIFP Porta da Auga o antes posible porque “o proceso non é difícil pero leva varios pasos e o máis importante e ter o sistema de DNI electrónico ou a Chave365, que expiden nos centros de saúde”.
O ano pasado no CIFP Porta da Auga presentáronse cerca de 30 candidatos para obter a acreditación da experiencia profesional, entre os que había persoas “non só de Galicia senón tamén de Asturias, Cantabria, León, Madrid, Zaragoza e ata xente de Alicante, que veu aquí porque Galicia é a única comunidade de España que saca acreditación de competencias na maioría das familias profesionais. E hai moita xente que ten moita experiencia pero para presentar presupostos a organismos públicos pídenlles que teñan algún tipo de titulación ou formación relacionada co que van desempeñar”, destaca José Méndez de Andés. Ademais explica que os interesados “aparte de presentar documentación teñen que pasar unha proba práctica para comprobar que saben facer ese tipo de traballos. Por exemplo aquí terán que realizar un alicatado, a colocación de cartón xeso, traballos de pintura, revestimento, …”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive