20 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Foz iniciou as obras na zona das Torres para a construción dunha pista multideporte

11-01-19

Foz, 11 de xaneiro de 2019. O Concello de Foz iniciou as obras na zona das Torres para a construción dunha pista multideporte. Os traballos inclúen un campo de céspede artificial e xogos infantís, entre outras instalacións. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, salienta que esta actuación forma parte do plan de dinamización das Torres.
O rexedor municipal anunciou hoxe que “comezaron os traballos de construción dunha pista multideporte na zona das Torres, concretamente onde estaban as antigas pistas de tenis e futbito, máis a zona de parque infantil. A nova área incluirá unha pista multideporte, con céspede artificial, e poderase practicar fútbol e baloncesto ou calquera outro deporte nun recinto pechado, tipo urbano, máis unha pista de skate, que era moi demandada polos afeccionados ao skate e á bicicleta e incluso ao surf. Tamén haberá unha zona de xogos infantís renovada porque os que había estaban totalmente desgastados”.
Javier Castiñeira pide “paciencia a todos os veciños da zona porque durante unhas semanas estaremos aí traballando nunha obra de bastante envergadura” e engadiu: “estamos contentos porque é unha infraestrutura necesaria e que vai dentro dese plan de dinamización das Torres, que xa se iniciou o ano pasado, co asfaltado de toda a urbanización. Agora queremos dotar con este equipamento a esa zona e rematarase co pintado dos viarios unha vez acabe a obra. Estamos seguros de que vai quedar estupendamente. Realízase con fondos da Deputación integramente, dentro do Plan Único, e son obras que escolleu o Concello dentro dos investimentos que se consideraron necesarios para diferentes lugares do noso concello”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive