22 de Abril de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Consellería do Medio Rural destina 103 millóns de euros en axudas da PAC a máis de 11.000 gandeiros lucenses

12-02-19

Lugo, 12 de febreiro de 2019.- A Consellería do Medio Rural destinou o pasado ano 103 millóns de euros ás axudas para explotacións agrarias suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control no marco da Política Agraria Común (PAC), que beneficiaron a máis de 11.000 gandeiros da provincia de Lugo. Esta cifra supón un incremento do 12% con respecto aos pagos cuantificados no 2017.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, expuxo que estes datos poñen de manifesto a relevancia destas achegas para fomentar a competitividade do sector agrogandeiro lucense “tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido”. Proba do volume e importancia das axudas da PAC en Lugo, engadiu, “é que en 20 municipios da provincia a suma destas axudas supera o orzamento municipal total, nalgún caso mesmo o duplican con creces”.

Balseiro tamén destacou “a axilidade da Xunta no pago destas axudas, xa que entre os meses de novembro e decembro do ano pasado a Xunta xa tiña abonados os ingresos correspondentes ao 95% dos expedientes, e iso a pesar de que o prazo de pago non remata ata o 30 de xuño”.

Así mesmo, lembrou que xa está aberta unha nova convocatoria para que os gandeiros soliciten os pagamentos da PAC correspondentes ao ano 2019, e o prazo de solicitudes está aberto entre o 1 de febreiro e o 30 de abril.

Polo que respecta aos datos da última campaña, Balseiro subliñou que o importe principal corresponde ás axudas directas, que sumaron 83,1 millóns de euros e inclúen o denominado pago básico, o pago verde, axudas vinculadas a cultivos para alimentación animal ou á produción de legumes de calidade, ás explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de cebo ou vacún de leite, así como ovino e caprino, e aos agricultores que inicien a súa actividade con menos de 40 anos.

Por outra banda, concedéronse axudas ás explotacións situadas en zonas con limitacións naturais, por unha contía global de máis de 9,5 millóns de euros. En terceiro lugar figuran as axudas agroambientais, por valor de 8,9 millóns de euros, para primar aos agricultores que aplican prácticas beneficiosas para o clima ou o medio ambiente. E por último, os pagos para a produción ecolóxica chegaron aos 1,4 millóns de euros na provincia de Lugo.

En canto á distribución por comarcas, a Terra Chá e Meira asumen 28,5 millóns de euros, o 27% do total; a suma das áreas de Lugo, A Ulloa e a Montaña alcanza os 33 millóns de euros, o 32% do total; a comarca de Sarria recibe 18 millóns de euros, o 17% do total; a zona sur da provincia -Lemos, Chantada e Quiroga- suma 14,6 millóns de euros, o 14% do total; e finalmente a comarca da Mariña lucense rexistra 8 millóns de euros en axudas da PAC, o 7,8% do total.

Os cinco concellos da provincia que maior contía da PAC reciben son os de Sarria (5,3 millóns de euros), A Pastoriza (4,6 millóns), Paradela (4 millóns), Friol (3,8 millóns), e Guitiriz (3,7 millóns).

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive