23 de Abril de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“A decadencia da programación cultural do Concello de Ribadeo”, por Daniel Vega

01-02-19

A decadencia da programación cultural do Concello de Ribadeo, organizada polo goberno municipal do señor Fernando Suárez, nos últimos anos é evidente. O noso concello apeouse dos Circuítos Culturais da Xunta, que traía grandes actuacións a Ribadeo. Segundo a Concellería de Cultura, temos algunha “a bo prezo”, porque o goberno actual decidiu que para que a empresa privada gañe temos que pagar un mínimo de 10 euros para ver a Susana Seivane. Pero haberá que lembrarlles que hai só un mes puidemos gozar do concerto de Amancio Prada de balde, organizado pola Coral Polifónica coa colaboración da Xunta de Galicia.
E analizando o programa electoral que presentou en 2015 o equipo encabezado polo señor Fernando Suárez nos campos de cultura, deporte e mocidade, a maioría dos compromisos foron incumpridos. E para mostra estes exemplos:
Crearemos unha partida anual de apoio aos proxectos de creador@s locais. Onde está? Temos que dicir que aparece en dous puntos distintos do programa, será por se repetíndoo parece real.
Persistiremos na nosa intención de facer da Casa do Mar a Casa da Música e a Danza. Todo se quedou en intención!
Crearemos un ciclo de cine estable “Venres de cine alternativo”. Cantas películas puidemos ver? E tamén ía haber un evento específico para o mundo audiovisual, cal é?
Estudaremos a viabilidade da construción dunha nova Biblioteca Pública. Esperamos que o estudo estea feito porque a Biblioteca temos claro que non.
A parte na que se fala de poñer en valor o noso patrimonio supoñemos que non se refiren ao Castro das Grobas e ao Camiño de Santiago.
Ofértase neste programa do 2015 o asesoramento á cidadanía sobre dereitos lingüísticos. Quen fai este asesoramento?, o técnico de Dinamización Lingüística que non hai?
Lemos tamén un punto no que se di que “segundo se vaia desenvolvendo o PXOM habilitaranse espazos público e instalacións deportivas”. Será que lle leva moitos anos desenvolverse.
A solución para o campo de fútbol Pepe Barrera que ían buscar parece difícil de atopar, excepto que llelo solucionen outros, claro!
Presumen de apoiar ao tecido asociativo deportivo e os torneos. Por iso se perden campus que traían rapaces de distintos sitios a Ribadeo.
Volvemos a atopar isto de “Mellorar o aproveitamento da Ría para deportes náuticos” e seguimos sen entender que é o que fan.
Apoiarán vostedes á mocidade no uso do transporte público, pero os bonos para estudantes xa eran da época do goberno do PP. Habería que ir inventando algo novo!
Moita pena nos da oír falar de cursos de formación homologados para a mocidade cando se perderon os cursos de verán das distintas universidades que se levaban a cabo na nosa vila.
Daniel Vega (candidato do PP á Alcaldía de Ribadeo)

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive