17 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

CIG saúde acusa ao xerente da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte de abandoar a atención sanitaria na Mariña

06-02-19

Burela a 6 de febreiro de 2019. O sindicato nacionalista fixo denuncia pública este luns da situación de absoluto deterioro na que se atopa o servizo de Rehabilitación e Fisioterapia, deficitario xa de por si, e con longas listas de agarda ao que hai que sumar que desde o 31 de xaneiro o Sergas rompeu o concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas na Mariña, e que todas as persoas que eran atendidas nas mesmas viron suspendido o tratamento de fisioterapia sen recibir ningunha información e solución do SERGAS respecto diso.

CONTRATACIÓN DE SEIS FISIOTERAPEUTAS PARA O HULA
Para a Federación da CIG, as decisións da EOXI (Estrutura Orgánica de Xestión Integrada), dirixida por Ramón Ares dende Lugo, demostran unha vez máis que este modelo de xestión afecta gravemente ás prestacións sanitarias na comarca que, lonxe de mellorar, empeoran e redúcense en beneficio do HULA.
Mostra diso e que no día de onte foron contratados seis fisioterapeutas para o HULA para atender a demanda de fisioterapia após rachar o SERGAS o convenio coas clínicas concertadas. “Mentres tanto, na Mariña os pacientes que estaban a ser atendidos polas clínicas concertadas e viron suspendidos o tratamento de fisioterapia (así como aquelas persoas que estaban en lista de agarda) continúan sen obter unha resposta do SERGAS para paliar este novo recorte sanitario”, sinalan.
Diante desta actuación, a CIG-Saúde pregúntase cal é o motivo polo que non se contratan fisioterapeutas na Mariña, cando “hai cartos para contratar seis fisioterapeutas para o HULA”.
A constatación do fracaso deste modelo de xestión, aseguran de a CIG-Saúde, reflíctese nas sucesivas perdas de servizos e prestacións na Mariña dende a súa posta en marcha no ano 2013. Naquel momento, os/as responsábeis políticos desatenderon as propostas de profesionais e o clamor do pobo Mariñán que demandaban un área de xestión propia para a comarca e, “sen contemplacións, baleiraron o hospital de poder de decisión e xestión”.

NON SOMOS NIN PERMITIREMOS SER CIDADÁNS DE SEGUNDA.
Os mariñaos e as mariñas teñen os mesmos dereitos sanitarios que os de Lugo, e non son de segunda polo que exixen a Ramón Ares, xerente provincial, un reparto xusto e equitativo dos recursos económicos, humanos e materiais que contemple de inmediato o xa demandado para restablecer o servizo de fisioterapia na comarca, incluíndo tamén un logopeda e un terapeuta ocupacional coma no resto dos centros.
A CIG-Saúde exixe a posta en marcha dun plan urxente de mellora da Rehabilitación e Fisioterapia na comarca que debe contemplar os seguintes puntos:
1-. Dotar ao Hospital da Mariña de dous médicos rehabilitadores (un na actualidade) para atender a máis de 70.000 habitantes.
2-. Dotar ao Hospital da Mariña de tres diplomados en fisioterapia en quenda de mañá e tarde.
3-. Dotar ao Hospital da Mariña dun logopeda e dun terapeuta ocupacional ao igual que no resto de centros sanitarios.
4-. Dotar de persoal diplomado en fisioterapia para abrir en quenda de tarde os ximnasios dos Centros de Saúde de Viveiro e Ribadeo, e non só de mañá.
5-. O ximnasio do Centro de Saúde de Foz deberá dotarse con dúas fisioterapeutas en quenda de mañá e outras dúas en quenda de tarde e habilitar o de Mondoñedo tanto na mañá como na tarde, actualmente pechado e sen material, sendo os pacientes de Mondoñedo e Lourenzá derivados a Foz en quenda de tarde.
Deste xeito o Centro de Saúde de Foz quedaría con dous fisioterapeutas de mañá e de tarde para atender aos pacientes de Foz, e Mondoñedo quedaría cun fisioterapeuta de mañá e outro de tarde para atender os pacientes de Mondoñedo e Lourenzá.
6-. Crear o servizo de fisioterapia no Centro de Saúde de Burela, inexistente a día de hoxe. Esta carencia coloca nunha situación de desigualdade aos pacientes de Burela respecto a outros Concellos ,xa que os médicos de familia de Burela non poden prescribir rehabilitación, nos casos que establecen os protocolos SERGAS, coma nos outros Centros de Saúde. Este feito provoca a saturación do servizo de rehabilitación do Hospital da Mariña xa que é o centro de referencia para as veciñas e veciños de Burela.

CONSECUENCIAS DA XESTIÓN INTEGRADA .
“A implantación da Xerencia Integrada, sumado á reforma da Lei de Saúde que suprimiu a Área Sanitaria, supón, como vimos denunciando dende hai anos, a perda de recursos económicos, materiais e humanos para a Sanidade da Mariña, poñendo como exemplo a crítica situación de Rehabilitación e Fisioterapia”, sinalan.

DIMISIÓN DA XERENTE EXECUTIVA DO HOSPITAL DA MARIÑA.
Diante deste deterioro continuado, a CIG pide a dimisión da Xerente Executiva do Hospital da Mariña, María José Cortés, posto que “non traballa para garantir unha atención sanitaria en tempo e forma para a cidadanía da Mariña, só obedece submisamente ordes políticas, indo contra os intereses da Sanidade da Mariña e importándolle ben pouco a dor e sufrimento que está a provocar entre a veciñanza a súa nefasta xestión”..

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive