23 de Abril de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Medio Rural pecha administrativamente a parcelaria de Frexulfe, no Valadouro, elevando a definitiva a nova distribución de predios

08-02-19

O Valadouro, 8 de febreiro de 2019.- A Consellería do Medio Rural asinará de xeito inminente a firmeza do acordo da reestruturación parcelaria de Frexulfe, no concello do Valadouro, co que se pecha administrativamente este proceso.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita á zona, subliñando que este é un paso decisivo para formalizar a titularidade das terras. Na práctica, implica que os novos predios, dos que xa viñan facendo uso os veciños, son definitivos de cara á elaboración dos títulos de propiedade, que será o seguinte paso.

Ademais, unha vez adquirida a firmeza comezarán os trámites para incorporar as fincas integrantes da masa común -excesos que non foron adxudicados a ningún particular- ao banco de terras para que os veciños interesados poidan solicitar o seu uso.

O inicio deste proceso remóntase ao ano 1997. Investíronse preto de 600.000 euros para reordenar unha superficie de 118 hectáreas repartida en case 1.000 parcelas que pertencían a 180 propietarios. As obras incluíron a construción dunha rede de camiños -principais e secundarios- de máis de 8 Km (5,4 deles asfaltados e o resto en zahorra).

Logo de rematar as obras e avanzar nos trámites administrativos, elevarase a firme a proposta que reduciu o número de fincas a 312, cunha superficie media que practicamente triplica á extensión das parcelas preexistentes “co que serán máis doadas de traballar, máis produtivas e máis rendibles para os seus propietarios, xa que permiten abaratar os custos”, apuntou Balseiro.

O delegado indicou que é unha prioridade para o Goberno galego pechar os procesos de reestruturación parcelaria abertos e continuar avanzando na organización da superficie agraria e forestal “mesmo con proxectos que non repercuten na titularidade das terras, e teñen polo tanto unha tramitación máis áxil, pero atenden ao mesmo fin de dimensionar as fincas e poñelas á disposición dos agricultores e gandeiros en activo”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive