17 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG insta á alcaldía a convocar unha reunión solicitada polas empresas do polígono de Barreiros coa corporación municipal

08-02-19

Barreiros, 8 de febreiro 2019. “O parque empresarial de Barreiros presenta numerosas necesidades, así como moitas as deficiencias nos servizos públicos de competencia municipal que alí se prestan ou deberan prestarse.” Esta foi a situación notificada polos empresarios alí ubicados hai máis dunha semana, a través dun escrito dirixido a toda a corporación solicitando unha reunión urxente co alcalde e con todos os grupos políticos municipais.
Carencias e deficiencias que se poden solucionar con vontade política
En dito escrito, enuméranse moitas das carencias da zona industrial de Barreiros, tales como a necesidade de dispoñer de fibra óptica; o deficiente alumeado, que se suple en moitos casos coa iluminación das propias naves; a recollida de lixo; a rede de sumidoiros; a sinalización e pintado das rúas; limpeza das parcelas que están sen edificar; sistemas de vixianza… “A todos estes problemas pódenselles buscar solución, se hai vontade política de facelo. E para iso, o primeiro que hai que facer é atender as peticións que fan e reunirse coas persoas afectadas”, afirmou Ana Ermida, concelleira e portavoz do BNG en Barreiros.
No escrito dirixido á corporación, as persoas titulares das empresas apostan tamén pola efectiva realización da obra que permita un acceso directo do polígono coa autovía, tal e como solicitou o BNG en días pasados, logrando acordo unánime da corporación ao respecto para presentar alegacións ao proxecto da A74 para que se inclúa esta modificación.
Un polígono industrial con todos os servizos e ben comunicado, clave para o desenvolvemento de Barreiros
O BNG entende que esta zona industrial de Barreiros é de primordial importancia, non só para este concello senón para toda a contorna, pola estratéxica ubicación desta área. Neste sentido, desde a formación nacionalista recordan que no pleno do pasado 28 de xaneiro se aprobou por unanimidade a proposta do BNG de solicitar a Fomento un enlace directo ao polígono desde a futura A-74, que enlazará coa A-8. “Sería o polígono mellor comunicado da zona, e non podemos permitir que se deixe sen realizar este enlace, cando só está a 100 m da rotonda de conexión da A-8 e a A-74. Pensando no futuro de Barreiros, o polígono industrial é clave para o desenvolvemento social e económico do noso concello” afirmou Ana Ermida.
A raíz da proposta do BNG, o concello de Barreiros remitiu ao Ministerio de Fomento, o pasado día 1 de febreiro a correspondente alegación ao proxecto de trazado da autovía A-74 de A Mariña, tramo Barreiros-Foz.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive