17 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O cume recupera o brillo laranxa en solitario

10-02-19

Burela 9-2-19. O Pescados Rubén Burela FS fixo esta tarde os deberes fronte ao pechacancelas de Segunda LNFS, Dimurol Tenerife. O conxunto mariñán recuperou as boas sensacións e a vitoria nas illas con 2-4. A derrota de Real Betis na visita de Santiago Futsal (1-2) a terras andaluzas concédelles aos de Juanma Marrube o liderado en solitario de novo, con 45 puntos.

O encontro comezou con dominio burelista e acerto goleador tinerfeño. Os locais adiantáronse no electrónico no minuto 7, nun saque de banda que tocou na defensa e despistou a Imanol, con firma de Kevin Yanes. Con todo, reaccionou rapidamente o conxunto de Juanma Marrube coa igualada de Iago Míguez. Renato, no 10, dispuxo dunha gran ocasión para adiantar aos galegos ante o obstáculo do meta tinerfeño. Intentárono no 13 Iago Míguez e Luisma sen éxito pero si o conseguiu o sempre máxico Matamoros, de falta, dous minutos despois.

No 23, Luisma ampliou a vantaxe, nun lanzamento raso axustado ao pau desde os 12 metros. Joselito, pouco despois, tivo o cuarto nas súas zapatillas fronte a Yeray. Pope, tras saque de falta, tampouco tivo a fortuna do seu lado, no 28. As mellores ocasións do Dimurol protagonizounas Yeray Alcaraz no 29 e 30. Con Yeray como porteiro xogador os locais puideron ter un pouco máis de vida. O meta insular volveu estar acertado, superado o ecuador do segundo acto, ante o potente disparo de Mata. Continuou co asedio Iago Míguez en rápido contragolpe, pero atopou o pau. Volveu saír o Dimurol con xogo de cinco e a falta de pouco máis de dous minutos e medio para o final Sergio reduciu, co 2-3. Na recta final os locais acumularon as cinco faltas e Matamoros sentenciou o partido co definitivo 2-4, de penalti.

O gran duelo, en Vista Alegre

O vindeiro sábado, 16 de febreiro, Vista Alegre será testemuña do gran duelo da tempada, coa visita do Real Betis Futsal (17.00 horas). Os de Daniel Ibañes recalarán na Bomboneira, na segunda praza e empatados a 42 puntos con Manzanares.

Ficha técnica

Dimurol Tenerife: Yeray Oliveros, Jean Pierre, Kevin Yanes, Ayose, Vélez, cinco inicial; tamén xogaron Manu, Sergio, Yeray Alcaraz

Pescados Rubén Burela FS: Imanol, Lucho, Luisma, Pope, Vargas, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Joselito, Juanfran, Renato, Matamoros, Porto

Goles: 1-0, minuto 7, Kevin Yanes; 1-1, minuto 7, Iago Míguez; 1-2, minuto 15, Matamoros; 1-3, minuto 23, Luisma; 2-3, minuto 38, Sergio; 2-4, minuto 40, Matamoros

Árbitros: Carrión Álvarez // Romero Candela. Por Tenerife amarela para Kevin Yanes, Ayose, Yeray. Por Burela amarela para Renato

Incidencias: Partido correspondente á xornada 20 de Segunda LNFS disputado no pavillón Quiquirá

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive