22 de Abril de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Goberno provincial impulsa os máis de 800 km de Camiños de Santiago por terras lucenses, no FAIRWAY

12-02-19

Lugo, 12 de febreiro de 2019.O Deputado de Turismo Eduardo Vidal puxo en valor este martes en Compostela, no marco do FAIRWAY, III Forum do Camiño de Santiago, a enorme importancia territorial das rutas de peregrinación e a influencia da provincia de Lugo en milleiros de peregrinos que acceden a Galicia por algunha das 4 grandes rutas xacobeas que atravesan practicamente a metade dos Concellos desta provincia.

O Deputado de Turismo foi o encargado da presentación oficial da provincia de Lugo no que é o encontro profesional máis importante sobre rutas xacobeas; punto de encontro entre axentes, institucións, empresas e demais profesionais vencellados ao Camiños de Santiago. Desde o pasado domingo e ata o martes 12 de febreiro, a Deputación ten presenza cun stand neste importante encontro turístico coa fin de promocionar os itinerarios xacobeas que atravesan a provincia de Lugo: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo, o Camiño do Norte e o Camiño de Inverno e os todos recursos patrimoniais, gastronómicos e histórico-culturais da provincia.

Vidal Baamonde destacou que “a provincia de Lugo é a gran porta de entrada a Galicia de milleiros de peregrinos cada ano. Conta con máis de 800 km de itinerarios xacobeos que discorren por 30 dos seus 67 concellos. Practicamente, a metade do territorio lucense está atravesado por algunha das 4 rutas xacobeas recoñecidas oficialmente -Camiños Francés, Primitivo, do Norte e o de Inverno-. En Fairway queremos continuar impulsando estes itinerarios xacobeos e dar a coñecer toda a riqueza cultural, histórica e gastronómica dos nosos concellos polas que discorren”.

O Deputado de Turismo anunciou que “3 novos camiños alternativos xa están sendo investigados e documentados para un posible recoñecemento oficial no futuro: o Camiño do Mar pola Mariña lucense; a Vía Regia del Norte ou Camiño de Abres a Lugo por Meira, e a Vía Künig que segue o mesmos itinerario que fixo un monxe alemán aló polo ano 1495. Sen dúbida, os camiños xacobeos constitúen un importante impulso económico e cultural para a provincia”.

Camiños pola provincia
Os peregrinos do Camiño Francés poden descubrir no pintoresco pobo das pallozas de O Cebreiro imaxes icónicas da Galicia interior. Aquí se idearon as imaxes do símbolo universal das frechas amarelas da man do seu antigo párroco Elías Valiña, orixinario de Sarria e considerado como gran revitalizador do Camiño. Un lucense que devolveu o esplendor ao Camiño cando nos anos 80 emprendeu a sinalización do Camiño Francés pintando de cor amarelo sinais ao longo de todo o camiño conseguindo impulsalo atraendo a millóns de peregrinos a Galicia.

Aqueles que realizan o Camiño Primitivo, ao seu paso pola cidade de Lugo, poden percorrer a muralla, un monumento que segue conservando íntegro o seu perímetro, circunstancia que o fai único no mundo. Os que deciden empregar o Camiño do Inverno, poden coñecer a Ribeira Sacra o lugar de maior concentración de románico rural de Europa e a súa viticultura heroica. E os peregrinos do Camiño do Norte poden descubrir unha das praias máis fermosas do mundo, a monumental xoia Praia das Catedrais.

O Deputado explicou que o Goberno provincial continúa promovendo accións que impulsen os Camiños do Santiago. De feito, a Deputación constituíu a primeira Mesa Provincial dos Camiños de Santiago facéndoa participativa e multidisciplinar para definir as necesidades de cara a celebración do Xacobeo 2021. Tamén, vén de ser realizado un FAMTRIP polo Camiño do Norte, para potencialo como alternativa ao Camiño Francés e ideal para viaxeiros que foxen de masificacións e buscan vivir experiencias máis auténticas e con maior conexión coa poboación local.

3 novas vías alternativas
A Deputación de Lugo tamén está a investigar e documentar 3 novas rutas para un posible recoñecemento oficial no futuro que atraian a máis visitantes á provincia. O Camiño do Mar, que transcorre en paralelo ao Cantábrico atravesando toda a Mariña lucense por paisaxes costeiros e vilas mariñeiras de Ribadeo, Foz, Burela, e Viveiro; a Vía Regia del Norte ou Camiño de Abres a Lugo por Meira, que atravesa os municipios de A Pontenova, Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, Castro de Rei e converxe en Lugo co Camiño Primitivo; e o terceiro, a Vía Künig que segue o mesmo itinerario realizado por un monxe alemán do ano 1495 polos Concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo.

A Provincia de Lugo, a gran porta de entrada dos peregrinos a Galicia
Ano tras ano, a provincia de Lugo convértese na vía de entrada de miles de peregrinos. Máis de 800 km de rutas xacobeas atravesan á provincia ao confluír nela catro Camiños diferentes: o Camiño Francés desde O Cebreiro ata Palas de Rei, o Camiño do Norte desde Ribadeo ata Baamonde, o Camiño Primitivo desde A Fonsagrada ata San Romao da Retorta e o Camiño de Inverno, desde Quiroga ata Rodeiro.

O Concello lucense de Sarria continúa sendo o primeiro lugar escollido polos peregrinos como lugar de comezo para a realizar o seu Camiño de Santiago segundo os datos da ‘Oficina de Acogida al Peregrino del Arzobispado de Santiago’. En 2018, foron ao redor duns 90.000 peregrinos os que escolleron esta localidade da provincia de Lugo como punto de partida cara a Compostela.

A Deputación recibiu o pasado domingo, da man da Fundación Orde do Camiño do Santiago, a Gran Placa ao Mérito Turístico polo apoio que a institución provincial presta aos concellos e asociacións vencelladas ás 4 rutas xacobeas que atravesan a provincia así como pola dinamización que desde o Goberno provincial se está a facer para impulsar os Camiños de Santiago.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive