22 de Abril de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O salón de actos do Concello de Cervo acolleu o acto de entrega de árbores froiteiras e autóctonas a aqueles veciños e veciñas que quixeron participar no pedido conxunto

11-02-19

Cervo, 11 de febreiro de 2019.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e o concelleiro de Medio Rural, Plácido Pérez, entregaron esta tarde as árbores froiteiras e autóctonas aos veciños e veciñas que quixeron participar neste pedido conxunto, que dende o Concello se leva tramitando dende hai xa varios anos.
Villares subliñou que “a concienciación ambiental ocupa unha posición preeminente na nosa liña de traballo, e por iso poñemos especial énfase en iniciativas coma esta, coas que pretendemos abrir camiño aos veciños para que, neste caso a través da plantación de árbores froiterias e autóctonas, as súas fincas sexan cada vez máis produtivas”.
O rexedor recordou que desde o Concello levamos máis de dez anos repoboando as fincas municipais e comunais con especies do país, e queremos animar á veciñanza a que se sume a esta iniciativa e a leve á práctica nas súas propias leiras.
O ter tramitado o pedido conxunto supón, ademais, un importante aforro aos veciños e ás veciñas que solicitaron as árbores, que nesta ocasión foron especies moi variadas: maceiras, pereiras, cerdeiras, castiñeiros, nogueiras, laranxeiras, figueiras, carballos…
O número de exemplares solicitados incrementouse en máis do 40% con respecto ao ano pasado, superando o centenar; “cada vez son máis os veciños e veciñas que se suman a esta iniciativa, pero queremos que esta cifra vaia en aumento; animamos pois desde aquí á veciñanza a que revitalice as súas fincas con especies do país que son tamén unha herdanza para as futuras xeracións”, precisou pola súa banda Méndez.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive