18 de Abril de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Compromisos do PP con Burela, contra os insultos do PSOE”, polo PP de Burela

13-04-19

Non nos sorprende a reacción insultante do PSOE burelés ante a crítica feita polo noso candidato, Manuel Rouco, a unhas declaracións de Alfredo Llano. Dados os reiterados incumprimentos de todo o que anunciou Llano nestes catro anos, e ante a evidente perda de credibilidade que sofren, sabemos que ese é, e será, o seu xeito de actuar, e que así farán as campañas, tanto a das eleccións xerais coma a das municipais.
Semellante reacción demostra nerviosismo e ausencia de argumentos e de propostas. Se as cousas non lles van ben aos socialistas, é cousa deles. Nin Manuel Rouco nin o Partido Popular de Burela van entrar nunha espiral de descalificacións, xa o adiantamos: que digan o que queiran; xa vemos que a arrancada foi de cabalo, e xa veremos se a parada non é de burro.
Deixamos os insultos e as descalificacións para os socialistas. Nós iremos a unha campaña construtiva, de explicación do noso proxecto, de presentación de propostas que aborden non só o futuro de Burela, senón o presente, porque consideramos que a nosa vila leva catro anos perdidos: o vindeiro alcalde, sexa quen sexa, non terá ningunha obra para rematar, aínda que sexa criticándoa, nin tampouco terá ningún proxecto que revisar, porque nada hai iniciado. Triste balance o dos catro anos de xestión de Alfredo Llano e do PSOE.
Manuel Rouco e o PP burelés centrarémonos en abordar proxectos de futuro para Burela, pero tamén en atender aquelas cuestións que son importantes para o día a día dos cidadáns. Así, asumimos o compromiso de garantir a continuidade do Centro de Atención Temperá, un servizo fundamental para aqueles pais e nais con nenos con capacidades diferentes, garantindo partida orzamentaria para a praza de logopeda. E, dado que estamos xa en Semana Santa, tamén asumimos o compromiso de ter aberta a biblioteca municipal en períodos vacacionais, mediante a contratación do persoal que sexa preciso, para garantir o seu uso polos estudantes universitarios.
E a Alfredo Llano e a Fernández Rey facémoslles unha pregunta: cal é o verdadeiro candidato do PSOE para as municipais? Como Llano ten a posibilidade de acceder ao Senado, a quen lle dará o voto nas municipais o votante socialista, a Llano ou a Fdez. Rey? Esta pregunta é trascendental, porque nas eleccións municipais eliximos a quen queremos que nos goberne, pero non eliximos tapados. Por iso sería bo que Llano e Fernández Rey contestasen con claridade para que logo non haxa enganos á cidadanía.
Estas son as cousas que lle preocupan á cidadanía. E aí estaremos Rouco e o PP.
PARTIDO POPULAR DE BURELA.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive