25 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Villares e Quintana destacan a inseguridade xurídica na que quedaría a EDAR de San Cibrao e a planta piscícola de Cuíña de saír adiante as pretensións do Goberno Central sobra a normativa de Costas

13-04-19

Cervo. 13, abril, 2019. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron hoxe o contorno da EDAR de San Cibrao, sita no parque empresarial de Cuíña, onde tamén se atopa a planta piscícola de produción de rodaballo que Stolt Sea Farm está a ampliar. Con esta visita quixeron exemplificar en casos prácticos a posible afectación que a modificación do Regulamento Xeral de Costas pode ter sobre a seguridade xurídica tanto de empresas como de servizos públicos que se atopan condicionados pola súa ocupación de Dominio Público Marítimo-Terrestre.

Neste senso, a conselleira lembrou que son 4.932 as edificacións que estarían afectadas por este cambio normativo, das cales máis de 100 serían establecementos relacionados coa cadea mar-industria, coma depuradoras de moluscos, plantas acuícolas, cocedoiros ou conserveiras. Amais, o alcalde cervense apuntou a que entre estas estruturas afectadas tamén se atoparían elementos de servizo público coma colexios, centros de saúde, parques e outras infraestruturas.

No caso de Cervo, Villares e Quintana subliñaron que dous bos exemplos desta posible afectación e achega de inseguridade xurídica serían a EDAR de San Ciprián e a planta de cultivos mariños que Stolt Sea Farm, ambas radicadas no polígono empresarial de Cuíña, e que posúen áreas de vital importancia dentro do Dominio Público Marítimo-Terrestre, tales como os emisarios de saída ou captación de auga.

A este respecto, o primeiro edil de Cervo e a conselleira do Mar sinalaron que esta modificación normativa pode poñer en risco a viabilidade do investimento de 14,5 millóns de euros que a firma acuícola Stolt Sea Farm está a realizar no polígono para ampliar a produción de rodaballo e linguado, e que crearía 75 novos postos de traballo entre directos e indirectos. Cabe lembrar que a localización da zona de bombeo e captación de auga salgada e a de evacuación da planta atópase dentro da zona de Costas e sometida a concesión, cuestión que agora se ve sometida a unha grave inseguridade xurídica como consecuencia da proposta de modificación do sinalado Regulamento.

Esta afectación do réxime xurídico das prórrogas de concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre levaría a xerar dúbidas sobre os prazos de duración das concesións en base aos cómputo das prórrogas, á achegada pola necesidade de revisar, caso a caso, si se compren ou non os requisitos establecidos para o outorgamento da concesión no momento de decidir si procede ou non a prórroga solicitada e na posibilidade de ter que derivar fóra da zona de Costas todas as actividades que podan emprazarse noutro lugar.

Para a conselleira do Mar non se pode permitir que para vestir de forma xurídica un cambio de rumbo do Goberno de Sánchez na prórroga da concesión de Ence se faga a toda presa esta modificación baixo una tramitación de urxencia e sen apenas contar coas comunidades autónomas nin cos concellos. Para Quintana, esta proposta deixa na inseguridade ás instalacións e pode afectar á viabilidade das empresas en canto a que teñen establecido os seus plans de traballo en función da duración das concesións e recortar a súa duración ou modificar as súas condicións pode afectar á súa viabilidade.

Por último, Alfonso Villares apuntou que esta proposta pode deixar no aire as concesións de múltiples instalacións públicas nas que se prestan servizos básicos á cidadanía, destacando a situación da EDAR sancibrense, mais indicou tamén que en todo Galicia hai todo tipo de edificacións afectadas, desde colexios a centros de saúde, pasando por garderías ou instalacións deportivas. Para o primeiro edil cervense, esta norma ten que ser revisada para evitar o atropelo que pode supor para os concellos costeiros, alén de destacar que esta é unha nova volta de torca na presión que esta normativa de Costas exerce sobre as zonas urbanas do termo municipal, caso de San Cibrao.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive