20 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta comeza os labores previos para o derrubo dos galpóns e acondicionamento do peirao vello de Viveiro

14-05-19

Viveiro, 14 de maio de 2019. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, deu comezo aos labores previos necesarios para acometer o derrubo dos galpóns e acondicionamento da explanada do peirao vello de Viveiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou de que hoxe mesmo quedará sinalizada a contorna para advertir da necesidade de retirar os vehículos alí estacionados e evitar máis aparcamentos. A partir do luns a zona quedará valada e comezarán as obras co baleirado dos galpóns, nos que aínda quedan algúns andeis e outros elementos fixos.

Balseiro explicou que nunha segunda fase procederase á retirada do fibrocemento das cubertas para posteriormente introducir a maquinaria necesaria para o derrubo dos inmobles e finalmente acondicionar o espazo. A obra inclúe zonas de axardinamento, iluminación e conexión con servizos urbanos, nun espazo de 2.500 metros; contan cun orzamento de 124.600 euros e executaranse nos próximos meses.

O espazo resultante destinarase na súa totalidade a aparcadoiro público e gratuíto. A actuación permite crear máis de cen prazas adicionais de aparcamento que se unirán ás existentes ata o momento, quedando plenamente integrado na contorna. Deste xeito, a veciñanza de Viveiro e os visitantes disporán de 335 prazas no peirao antigo, ao carón do centro histórico da cidade.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive