20 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O IES Perdouro acolleu un encontro do programa Catuxa entre familias e profesorado, no que se abordou a violencia de xénero na etapa adolescente

16-05-19

 Burela, 16 de maio de 2019. – O programa CATUXA, de sensibilización sobre a violencia de xénero e de igualdade de xénero entre mulleres e homes, levou a cabo onte un encontro entre familias e profesorado de diferentes centros educativos da Mariña Lucense, co obxectivo de ofrecer ferramentas para a detección e prevención de violencia de xénero entre os e as adolescentes.
O director do IES Perdouro, Santiago Pedro do Cobo, xunto con Alfredo Llano García, o Presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense, impulsora do programa CATUXA, foron os encargados de dar a benvida ás persoas asistentes e de agradecer o compromiso con CATUXA no seu percorrido polos 11 centros educativos públicos de ensinanza secundaria da Mariña Lucense.
Coa moderación da directora de Catuxa (e directora de Retnova), Rosa Torrado, durante este encontro interviron a Directora e asesora xurídica do CIM de Ribadeo, Luísa Couceiro Rodriguez, e Beatriz Ruíz Perez, da Plataforma Unitària contra les Violències de Gènere, de Barcelona. As relatoras abordaron a violencia de xénero na adolescencia dende a súa experiencia profesional, ofrecendo exemplos e recursos ás familias e ao profesorado tanto para a fase de prevención da violencia de xénero como de detección e intervención cando esta xa se estea producindo.
O encontro entre as familias e os centros educativos foi un espazo enriquecedor e proveitoso, no que o debate foi o elemento clave. A motivación, o interese e a implicación das persoas asistentes permitiu a identificación de preocupacións comúns por parte das familias e o profesorado, inquietudes ás que as relatoras deron respostas dende o eido profesional. Asemade, a sinerxía entre todas as persoas que estaban no IES Perdouro puxo de manifesto a necesidade de consolidar as redes de apoio e actuación conxunta fronte á violencia de xénero na Mancomunidade da Mariña Lucense, implicando non só as institucións senón a toda a cidadanía.

CATUXA dispón dun teléfono (604067520) e correo electrónico no que o alumnado, profesorado, nais e pais poden formular as consultas que precisen en materia de detección e prevención de violencia de xénero.
O programa pechará as súas actividades en centros educativos o próximo mércores 22, no IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo.
Pódese seguir a súa actualidade en Instagram e Facebook: @programacatuxa

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive