20 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Propostas de EM Ribadeo en servizos sociais

15-05-19

Ribadeo 15-5-19. As propostas básicas do grupo de En Marea Ribadeo son as seguintes:
1.- Creación dun CONSELLO de Participación Cidadá de Servizos Sociais.
2.- Redacción dun PROGRAMA INTEGRAL de Servizos Sociais.
1. CONSELLO DE SERVIZOS SOCIAIS.- Como xa propuxemos noutros ámbitos, consideramos que a participación da veciñanza é clave para acadar uns servizos sociais eficaces e eficientes. Nese consello deberan estar representadas todas as asociacións e colectivos veciñais que o desexasen e máis as entidades ou organismos que teñan actividades relacionadas ca problemática social, independentemente da sua adscripción a distintas administracións. Contaría ademais coa participación do persoal do Concello.
O primeiro paso para para constituír este Consello de Servizos Sociais sería a redacción dun Regulamento de Participación por unha comisión de traballo aberta á participación de todas as persoas e colectivos interesadas.
As principais funcións deste Consello serían: a) conseguir a participación mais activa posible da sociedade na xestión, organización e prestación de servizos sociais; b) Recoller información e suxerencias da veciñanza; c) Participar na redacción do Programa de Servizos Sociais; d) Participar no seguimento da cumplimentación do devandito programa.
2. PROGRAMA INTEGRAL DE SERVIZOS SOCIAIS.- O Programa de Servizos Sociais do Concello de Ribadeo debe comezar por unha declaración de principios, centrando os obxectivos nas necesidades da veciñanza, na gratuidade ata onde sexa posible, na accesibilidade e interacción entre veciñanza e servizos e na participación activa da comunidade. En segundo lugar deberase facer un relatorio das demandas e necesidades actualmente perceptibles e máis daquelas que poden presentarse nun futuro. En terceiro lugar débese facer un relatorio dos recursos actuais, propios e alleos. E en cuarto lugar faríase un plano de melloras e proxectos das actividades actuais.
Algunhas PROPOSTAS CONCRETAS que agora suxerimos poderían ser as seguintes:
a.- Creación dunha cooperativa de xestión, sen ánimo de lucro, dos centros da terceira edade de Ribadeo. O obxectivo sería achegar a xestión á veciñanza, favorecer o emprego local, reducir os custes, mellorar a calidade da asistencia e repercutir en Ribadeo os beneficios que doutro xeito se derivan a empresas alleas. Sobre este tema hai experiencias próximas e outras no estado español que se poden estudar e analizar os pros e contras.
b.- Valoración da Lei da Dependencia en Ribadeo sen que as persoas demandantes teñan que desprazarse a Lugo.
c.- Estudo da creación dun centro de asistencia e apoio a persoas discapacitadas e as súas familias, tendo en conta que no momento actual hai cinco persoas con domicilio no concello de Ribadeo que se ven obligadas a desplazarse diariamente a centros deste tipo, catro a Tapia de Casariego e unha a Burela, debendo supoñerse que existen outros posibeis demandantes non identificados que non poden facer uso destes sevizos por dificultades de desplazamento.
d.- Adaptación do Centro da terceira edade, Hospital de San Sebastián e San Lázaro á normativa vixente e xestión laica por unha Cooperativa de Servizos sociais de ámbito local.
e.- Estudo específico da zona rural, con especial atención ás formas e circunstancias de marxinación e necesidades de asistencia domiciliaria.
f.- Recuperación de algúns servizos reducidos nos anos anteriores.
g.- Estudo e ampliación das experiencias de voluntariado no concello de Ribadeo e outros.
h.- Análise da diversas formas de marxinación e das posibilidades de establecer unha Renda Básica para as persoas mais desfavorecidas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive