20 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

«Que non te bloqueen», a polémica frase do PP de Xove impresa nun abridor de cervexa, segundo o criterio do BNG

15-05-19

 Xove 15-5-19. As prácticas antidemocráticas sucédense por parte dos populares xovenses. Onte foi a enésima. Trátase da frase irrespectuosa que imprimiron nun abridor de cervexa e que están a repartir polos domicilios do municipio. Na lenda pódese ler: “Que non te Bloqueen”, en clara referencia ao seu rival político.

“A ausencia de educación nos populares contrasta coas nosas boas maneiras”, declarou Xosé Hermida. O alcaldable nacionalista salientou que moita xente xa non se sinte representada polo Partido Popular xovense, e que os veciños lles están a trasladar a súa desafección co Goberno local debido, entre outras razóns, “a este tipo de comportamentos maleducados que non levan a ningures”.

Segundo Hermida, este último feito non está a ser unha excepción. Nas pasadas Eleccións Xerais os carteis electorais do Bloque Nacionalista Galego tiveron que ser repostos en dúas ocasións despois de que uns desvergonzados os romperan. Así mesmo, ao longo desta semana, persoas afíns ao PP presentaron denuncias falsas ante Facebook para que a páxina do BNG de Xove fora cancelada por “contido inadecuado”, igual que se estiveran a publicar pornografía, “cando o único que facemos é espir as falsidades do PP e explicar as nosas propostas do programa electoral”, explicou o alcaldable. “A verdadeira razón desta falta de fair play dos populares débese á repercusión que están a ter as publicacións da candidatura do BNG de Xove nesa rede social, ao igual ca en Instagram”, sentenciou Xosé Hermida.

Dende a formación nacionalista sinalaron que a actitude do PP local está a desprestixiar a institución que representa a toda a veciñanza: o Concello de Xove, “e todo por incumprir as regras máis elementais da ética política”. Marco López defendeu a nobreza do traballo do BNG no seu exercicio de oposición ao Goberno do PP, levando adiante un traballo que a cidadanía está sabendo ver e recoñecer. “Traballamos como unha forza con vocación de goberno”, declarou o portavoz do Grupo Municipal Nacionalista, “estudando a diario as medidas políticas que se poden levar a cabo para conseguir unha solución eficiente aos problemas reais do municipio, e así habemos seguir”.

Marco López finalizou manifestando que, “cando a sociedade pide explicacións aos xestores dos bens públicos, hai que dalas e non fuxir cara adiante”. Segundo o portavoz municipal “o Concello de Xove debería ser algo máis ca unha comisión de festas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive