16 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentou este mediodía en Foz a guía das Rutas de Artesanía

14-06-19

 A Mariña, 14 de xuño de 2019. A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentou este mediodía en Foz a guía das Rutas de Artesanía. Editáronse 13.000 exemplares en tres idiomas: galego, español e inglés, que serán distribuídos, xunto ao resto da cartelería, polas oficinas de turismo e os puntos de información turística da zona. A guía recolle seis percorridos visitando a outros tantos artesáns e tamén a súa contorna. Dos días 16 ao 30 de xuño, durante as fins de semana, haberá unhas xornadas de portas abertas para dar a coñecer estas Rutas de Artesanía da Mariña Lucense. Estas accións realízanse con cargo ao convenio asinado co Axencia de Turismo de Galicia.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, lembrou esta mañá que “xa se tiña iniciado este proceso no ano 2015, nunha iniciativa da Mancomunidade. Leváramos esta idea a un concurso nacional do Ministerio de Trabajo, Energía y Turismo. Presentámonos porque nos parecía interesante para dar a coñecer moitas das virtudes que ten A Mariña tan diversa, como é que ao mesmo tempo de ser un atractivo turístico tamén é cultural e gastronómico. Cada artesán facía unha presentación da labor dos seus obradoiros. Levamos a concurso esa guía dos artesáns, que naquel momento eran 15 distribuídos en toda A Mariña e quedamos finalistas. Fora en abril do ano 2016 e gañounos un proxecto das Illas Canarias. Dixérannos que a nosa idea era moi boa, pero que había que traballala un pouquiño máis para perfeccionala. Daquela quedamos tres finalistas, o que quere dicir que gustou”.
Llano engadiu que “a iniciativa que se leva a cabo este ano é basicamente completar, perfeccionar e darlle outra forma máis realista a esta ruta dos artesáns. Agora xa o falaremos na Mancomunidade, cando empecemos a nova lexislatura, pero creo que imos volver presentala, non porque interese excesivamente ter un premio a maiores, senón para que se dea a coñecer e se divulgue e se ademais leva un premio evidentemente vai ter unha difusión enorme”.
O presidente da Mancomunidade salientou que “penso que está moi ben feita esta guía. Agora hai seis rutas de artesáns, pero vai haber máis. Vaise completar porque na Mariña temos moita xente traballando en aspectos moi diversos, polo tanto vai seguir medrando, pero esta é a base para iniciar. Unha das novidades que a min me gusta máis este ano é que cando vas visitar a un artesán, vaiche dicir como traballa, que materiais utiliza, que produtos saca e iso move a economía e a cultura. Ademais na ubicación onde está o artesán tamén leva unha guía para pasar máis tempo nesa ruta, con moita información sobre onde poden comer e que poden visitar. Polo tanto vai ser importante a súa distribución e o seu coñecemento, e tamén lles imos dar importancia aos nosos artesáns que penso que van estar contentos polas visitas que van ter”.
Pedro Fraga da empresa Mariña Activa dixo que “primeiro quero agradecer á Mancomunidade e á Xunta que depositaran a confianza en nós para algo tan importante, desde ese punto de vista o máximo agradecemento”.
Fraga explicou que “Mariña Activa naceu co obxectivo clarísimo de unir esforzos, vender a zona e vendernos como en conxunto, e creo que este é un paso máis na nosa andaina. Vexo que tanto Concellos como Mancomunidade, etc…, están a traballar cada vez máis dunha forma unida porque é a única maneira de sacar as cousas adiante. Tamén quero agradecerlle o seu traballo ao meu compañeiro Boris Vilar, que foi quen liderou este proxecto, e a Tania Hermida da Mancomunidade que fixo unha labor de colaboración con nós excepcional”.
No acto de presentación da guía tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.
A guía que se presentou hoxe explica qué son as Rutas de Artesanía e despois recolle os seis percorridos propostos por Viveiro (con Regal Cerámica e Miriam Viveiro), por Foz (con Espazo Caritel), por Cervo (con asteleiros Fra), por Burela (coas redeiras), por A Pontenova e Riotorto (cos ferreiros) e por Mondoñedo (con As Formas da Terra e O Canteiro). Ademais de visitar a estes 10 artesáns tamén recolle outras propostas para coñecer a súa contorna. A guía remata falando da gastronomía na Mariña lucense. Na súa exposición Boris Vilar aludiu á importancia que ten a artesanía nesta comarca: “á que hai que coidar moito” e ao potencial da Mariña lucense como xeodestino “como unidade”.
Pola súa banda, Tania Hermida, xerente de Turismo da Mancomunidade lembrou que esta fin de semana arrincan en Cervo as xornadas de portas abertas destas Rutas de Artesanía. Vanse desenvolver as fins de semana ata o 30 de xuño e para participar, de xeito totalmente gratuíto, é necesario anotarse en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 654 089 894. O aforo máximo é de 15 persoas por xornada.
A continuación indícanse as datas cos horarios aproximados:
Cervo 16-06
Asteleiro 10:30 – 11:30
Visita Museo do Mar 12:00 – 13:00 aprox.

Mondoñedo 22-06
Alfar 10:30 – 11:30
Visita centro histórico 12:00 – 13:30-14 aprox.
Canteiro 17:00 – 18:00

A Pontenova 23-06
Ferreiro 10:30 – 12:00
Visita Aula Interpretación da Pesca e Fornos de Vilaoudriz 12:30 – 14:00 aprox.

Viveiro 29-06
Regal Cerámica 10:30 – 11:30
Visita centro histórico 12:00 – 13:30-14 aprox.
Miriam Cerámica 17:00 – 18:00

Burela 30-06
Redeiras 10:30 – 11:30
Barco Museo “Reina del Carmen” 12:00 – 13:00 aprox.

Ao acto de presentación, celebrado no Cenima, asistirou o alcalde en funcións de Foz, Javier Castiñeira, ademais da xefa provincial de Turismo, Paloma Vázquez, e artesáns, entre outras persoas.

Toda a información sobre as Rutas de Artesanía está na web de turismo de A Mariña lucense: www.amarinalucense.gal

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive