16 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Mondoñedo acolle o lanzamento da marca ‘Faba Verdina de Galicia’

14-06-19

 Mondoñedo, 14 de xuño de 2019. A alcaldesa electa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, presidiu esta mañá o acto de presentación da marca Faba Verdina de Galicia, no que estivo acompañada por Alfonso Cartoy, produtor de faba e impulsor do proxecto, e Zoila Gulín, asesora en Propiedade Industrial.
A marca Faba Verdina de Galicia nace coa fin de garantir a orixe galega do produto e a profesionalidade dos produtores, e conta no seu nacemento co apoio e xestión do Concello de Mondoñedo, que busca deste xeito impulsar o sector primario do municipio e da Mariña en xeral apoiando proxectos que reforcen a imaxe dos produtos agroalimentarios e sirvan de apoio para impulsar a súa promoción e xusta comercialización.
Dentro de Galicia, a zona da Mariña é unha zona de referencia na produción deste tipo de fabas, debido á idoneidade do solo e a climatoloxía. A produción iníciase nos meses de abril/maio e chegan ao mercado no outono, onde son moi apreciadas polas súas características (tamaño, cor, untuosidade), moi empregadas para pratos de culler e habitualmente acompañadas de marisco, polo que tamén reciben o nome de ‘fabas de marisco’.
Marca rexistrada
Os promotores do proxecto veñen de rexistrar a marca para España, que prevén sexa concedida proximamente. Protexe dúas clases de produto: faba verdina fresca e seca. A marca conta cun regulamento no que se establecen aspectos como os obxectivos da marca ou os requisitos para obter a licenza de uso, entre outros.
A marca ampara a un colectivo de produtores da Mariña, concretamente dos Concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Trabada, que concentran a maior parte da produción galega profesional da faba verdina, co apoio do Goberno local de Mondoñedo.
O rexistro da marca supón a identificación inequívoca do produto ante o consumidor. Ponse un produto moi apreciado e que en Galicia acada un altísimo nivel de calidade no mercado nacional identificándoo expresamente como procedente de Galicia, o que contribúa e revalorizar o traballo dos produtores e facilita as actividades de promoción da faba verdina.
A faba verdina en datos
A faba seca en Galicia move preto de 1.400 toneladas que se reparten case a partes iguais entre as provincias da Coruña e Lugo. Cada unha delas conta con arredor de 35 hectáreas dedicadas a este cultivo. A produción da marca Verdina de Galicia estímase que poida alcanzar por enriba das cinco toneladas nos seus inicios. Inicialmente todos os produtores serán da Mariña.
A faba verdina vaise comercializar en formatos de consumo de medio quilo e dun quilo dirixidos ás familias. Tamén se venderá en formato granel de 25 quilos debidamente identificado.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive