16 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Ourense gaña o billete a semifinais a 37 segundos da bucina

14-06-19

 Burela 14-6-19. O derbi galego da Copa cae do lado do Ourense Envialia FSF, que conseguiu esta tarde o billete para semifinais da Copa da Raíña sobre Poio Pescamar FSF grazas ao gol de Lau Doce, a 37 segundos para a bucina. As de Morenín pelexarán mañá (ás 20.00 horas) por clasificarse para a final fronte ao gañador do último cuarto de hoxe, entre Peixes Rubén Burela FS e UA Alacante (20.30 horas).

Viviu a Bomboneira un duelo irmandiño moi equilibrado con defensa agresiva de ambos os equipos en primeira liña, acumulando faltas e que non sufriu alteración no electrónico durante a primeira parte. Antes do minuto 2 da segunda, Candela errou o impensable a pase de Chiki. Bea Seijas segundos despois tamén rozou o gol. Ourense reaccionou neste período máis enchufado ante a defensa en media pista das pontevedresas. Cando se prevía que habería que recorrer ao tempo extraordinario, Lau Doce, nun rexeite, selou o gol que valía unha semifinal, con resposta de cinco nas filas de Dani Díaz aínda que sen tempo para máis.

Ficha técnica

Ourense Envialia FSF: Vane, Chiky, Laura Doce, Marta, Sara Moreno, cinco inicial; tamén xogaron Candela, Judith Pedreira, Bea Seijas, Beira, María Estévez

Poio Pescamar FS: Silvia, Ale de Paz, Jenni Lores, Ceci, Dani, cinco inicial; tamén xogaron Carol, Jessi, Iria Saeta, Antía,

Goles:1-0, minuto 40, Lau Doce

Árbitros: Iglesias Alonso // Díaz Torrón. Por Ourense amarela Bea Seijas

Incidencias: Partido correspondente ao segundo cuarto de Copa de SM A Raíña (Burela, 14-16 de xuño), disputado en Vista Alegre ante unhas 500 persoas, co palco de autoridades presidido pola directiva da RFEF Natalia Orive. Pescados Rubén Burela FS, na figura do presidente, Manuel Blanco, quixo recoñecer a traxectoria de Bea Seijas, xogadora do Envialia Ourense, que colgará as botas esta tempada logo de nin máis nin menos ca 28 anos en Primeira División RFEF.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive