22 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Mondoñedo critica ao goberno de Elena Candia por non ser capaz de abrir as piscinas ao público con normalidade dous meses ao ano

08-07-19

Mondoñedo, 8 de xullo do 2019. O BNG de Mondoñedo denuncia que dous dos tres vasos das piscinas municipais non se abren ao público con normalidade pola falta dun socorrista, e recrimínalle ao goberno popular de falta previsión pola mala planificación da tempada de verán.
O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, explica que o vaso mediano e máis o de “chapoteo” teñen que estar cerrados xa que segundo a normativa vixente, que establece a regulamentación técnico-sanitaria de piscinas de uso colectivo, indica que “no caso de piscinas de entre 500 e 1000 metros cadrados de lámina de auga o número de socorristas debe ser de dous”.
O BNG faise eco do malestar dos usuarios e usuarias das instalacións que non entenden como a alcaldesa publica un Bando Municipal no que se anuncia a apertura das piscinas, horarios e os prezos para o cobro de entrada, incluídos os abonos mensuais e os familiares, e non sexa capaz de aclarar antes as deficiencias que vai presentar o servizo.
O voceiro da formación nacionalista apunta que segundo vai pasando o tempo cada vez vai haber máis dificultades para contratar socorristas, “agora nestas datas hai moita demanda e poucos profesionais que queiran exercer pola acusada temporalidade dos contratos, soldos baixos e por riba os cursos de habilitación do novo persoal son caros e as homologacións chegan tarde e non compensa.” Así que sinala que a Xunta de Galicia debería facer máis accesibles e áxiles os cursos de formación para poder contar con máis profesionais, e o goberno municipal ter prevista de ante man esta situación e convocar as probas de socorrista con máis celeridade. “A nefasta previsión e xestión desta situación da equipa do goberno municipal, que recordamos que conta con oito concelleiros, é evidente”, conclúe.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive