25 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Entre todos, facemos grande Ribadeo”, Por Daniel Vega, voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo e deputado no Parlamento galego

05-08-19

Ribadeo é un municipio de recoñecido atractivo turístico; pero esta fin de semana viuno incrementado aínda máis coa celebración de dúas senlleiras citas do verán na Mariña: a Festa do Percebe de Rinlo que alcanzou este ano a súa décimo sexta edición e a Xira de Santa Cruz, festa declarada de interese turístico galego.
Ningunha das citas sería posible sen o traballo dos colectivos que organizan estas festas nas que participan veciños e visitantes. É o esforzo e o traballo constante dos colectivos ribadenses os que fan máis grande a Ribadeo.
A Asociación Amigos da Gaita, que nacía en xullo de 1962 da man dos irmáns Carlos e Amando Suárez Couto arroupados por un grupo de amigos, continúa a día de hoxe co obxectivo de honrar á gaita galega, un instrumento que forma parte da identidade de Galicia. Non só coa organización da Xira de Santa Cruz, senón que Amigos da Gaita traballa ao longo do ano na defensa da nosa cultura ensinando aos máis novos e novas distintos aspectos da música tradicional tal e como demostraron o sábado nos actos que acompañan ao pregón. Cabe, polo tanto, recoñecer a dedicación desta asociación tan vinculada a Ribadeo, así coma a das persoas que a constitúen, por ter contribuído á posta en valor da música e o baile tradicional e por ofrecer formación ás novas xeracións interesadas en coñecela máis de preto.
O Día da Gaita, co recoñecemento de interese turístico galego, consolídase como unha festa de todos e todas. Ao monte de Santa Cruz, unha atalaia desde a que se divisa toda a bisbarra e onde se sitúa un monumento ao Gaiteiro que é único en Galicia, acoden cada primeiro domingo de agosto as familias ribadenses contribuíndo a manter unha tradición de 54 anos.
Son tamén os mariscadores e mariscadoras da Confraría de Pescadores de Ribadeo os que fan posible que cada ano se celebre a Festa do Percebe que, este ano, volveu ser un éxito ao lograr esgotar as 3.500 racións dun crustáceo que os percebeiros extraen da costa ribadense nunha mostra dun heroico labor.
Ademais de exaltar a calidade deste produto gastronómico da costa ribadense, a Festa do Percebe serve para que se fale de Ribadeo e os produtos do mar procedentes dun emblemático pobo mariñeiro onde se sitúa un dos portos máis antigos de Galicia como é Rinlo.
Esta fin de semana puidemos comprobar, así, como a colaboración institucional e cos distintos colectivos e entidades locais da os seus froitos. Fronte a persoas que entorpecen proxectos beneficiosos para Ribadeo e se negan a aceptar a colaboración da Xunta, o Goberno galego apoia, por exemplo, a Romaría de Santa Cruz e a Festa do Percebe ás que achega 8.000 euros e 4.800 euros, respectivamente.
Seguiremos traballando e colaborando para que Ribadeo medre.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive