14 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“A nosa empresa do aluminio: a unión fai a forza”, por Alfonso Villares

03-09-19

Estamos ante un dos momentos máis importantes para a nosa comarca da Mariña. Se fai 40 anos se produciu a chegada dun incrible motor de creación de emprego e de riqueza para a zona, os acontecementos que vivimos actualmente fannos avistar o posible fin de toda esta etapa de enriquecemento. Pero non debemos perder a esperanza e temos que facer todo o necesario para visibilizar a nosa unión e única voz en prol do noso benestar.
A nosa empresa do aluminio non só xera eses 1.100 postos de traballo directos e 700 indirectos. Traballos que ademais teñen polo xeral unha moi boa base de cotización, comparándoos con outros empregos da comarca. A nosa empresa do aluminio faille crecer a outros moitos sectores empresariais, comerciais e de restauración, xa que todos estes soldos que se xeran reverten nunha alta porcentaxe na nosa comarca, para que deste xeito outras moitas familias podan atopar unha oportunidade laboral noutros sectores e así despois poder vivir e asentarse na Mariña.
Pero tampouco podemos nin debemos esquecernos doutros ámbitos e que ás veces nos poden pasar desapercibidos. Falo das administracións públicas, e non só dos servicios veciñais, municipais que se poden levar adiante cos ingresos que proceden do feito de ter esta empresa na zona, impostos como o IBI e IAE para Cervo e Xove e o IBI para outros concellos onde moitas destas familias residen.
Falo tamén da educación e da sanidade. Pensar en que a nosa empresa non estea é pensar en que moitos dos centros educativos non serían necesarios nin así tampouco moitos dos servizos sanitarios e hospitalarios dos que hoxe podemos beneficiarnos.
Pensar en que esta circunstancia pode pasar vólvesenos como un pesadelo, un pesadelo que desaparece se todos espertamos.
É necesario que o Goberno Central garanta un prezo competitivo da enerxía ao igual que noutros países da Unión Europea. Falamos da mesma reclamación que todos xuntos fixemos aló polo ano 2012. E para que nos escoiten en Madrid temos que berrar todos xuntos. Pero non vamos nin debemos berrar contra ninguén. Ese creo que non é o camiño. Temos que berrar para que nos escoiten. Para que os responsables políticos vexan na nosa petición unha demanda xusta e necesaria para toda unha comarca coma a nosa. E nese movemento, nese berro, temos que estar todos. Todos os veciños e de todos os sectores sociais e laborais.
Unha demanda na que non pode haber cores políticas e na que eu mesmo así o pido e o demando. Son veciño e representante dos veciños de Cervo e por eles, polos veciños de Cervo e polos veciños dende o Vicedo ata Ribadeo, estarei e unireime para axudar a que a nosa comarca non dea un paso atrás.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive