21 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Pescados Rubén 1-3 Santa Coloma

15-09-19

 Burela, 14 de setembro, 2019. O Pescados Rubén Burela FS pechou a Tarde Laranxa cun partido moi esixente no regreso á máxima categoría de LNFS. Os pupilos de Juanma Marrube demostraron actitude e ganas ante un Industrias Santa Coloma (1-3) que deu un paso adiante na segunda parte para levar os tres puntos, coa motivación extra do recente título de Copa Catalunya.

Cardona puxo a proba a Edu nos primeiros compases e antes de cumprirse o segundo minuto volveu chegar o 12 catalán para sentenciar de disparo fulminante desde a esquina da área, nun erro de elaboración local. Respondeu a escuadra local con moito perigo, antes do 5, dispuxeron de dous de ouro. A Lucho fóiselle por pouco o empate, en rexeite, a tentativa de Álex Diz; segundos despois o pau evitou o disparo de Amoedo, desde saque de banda. Renato volveu levantar á Bancada Laranxa cun mísil que chocou en Feixas. Buscábano os de Juanma Marrube; Álex Diz volveu intentalo con incursión na área, topándose de novo co meta catalán, antes do ecuador do primeiro acto. A maxia de Matamoros sumouse; o 10 merodeou a rede no 16, por partida dobre. O regreso a Primeira prometía emoción e espectáculo e Edu non defraudou con dúas aparicións providenciais no 17, para manter o electrónico sen moverse. Por fin chegou o empate, cunha galopada de Juanfran, que tan só tivo que empuxar Luisma na recta final; Matamoros e Amoedo dispuxeron de dous vibrantes antes do descanso.

Cun regreso moi igualado o Santa Coloma recuperou a vantaxe no luminoso, no 23, con Sebas Corso, en segundo rexeite. Así os de Óscar Redondo gañaron en tranquilidade e xogo malia as ocasións burelistas, con certa falta de frescura debido á esixencia da primeira parte. Tívoa acto seguido Joselito nun disparo afastado. Edu freou a Cardona e as revolucións foron en aumento. A quenda foi para os locais; Álex Diz chocou con Feixas de novo. Perdoaron os da Mariña e Santa Coloma ampliou distancias no 34, co ex-laranxa Bruno Petry. Matamoros enfundouse a camiseta de porteiro xogador con 3’30” por diante, sen fortuna. Sobre a bucina, o pau evitou o segundo de Mata.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Luisma, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Álex Diz, Lucho, Joselito, Amoedo, Juanfran, Matamoros

Industrias Santa Coloma: Feixas, Sepe, A. Cardona, Sebas Corso, Bruno Petry, cinco inicial; tamén xogaron Uri Santos, Well, Khalid, Verdejo,

Goles: 0-1, minuto 2, Cardona; 1-1, minuto 19, Luisma; 1-2, minuto 23, Corso; 1-3, minuto 34, Petry

Árbitros: Del Pozo García // Martínez Segovia (Colexios Madrileño e Castelano-manchego). Por Burela, amarela Pope (minuto 7), Álex Diz (minuto 17). Por Santa Coloma, amarela a Petry (minuto 26)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 1 de Primeira LNFS disputado en Vista Alegre ante máis de 800 persoas. O equipo de Juanma Marrube ofreceu o trofeo de campión de Segunda LNFS á afección, galardón recollido polo presidente, Manuel Blanco, a semana pasada na Gala de Presentación da Tempada 2019-20 da LNFS en Madrid.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive