28 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O grupo de goberno de Viveiro responde ao PP sobre o plan económico

24-10-19

Viveiro, 24 de outubro de 2019. Vistas as declaracións realizadas aos medios de comunicación, por medio do presente quérese aclarar aos actuais concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro as seguintes cuestións:

O 11 de outubro de 2019 recibiuse un correo electrónico do Ministerio de Facenda e Función Pública comunicando a apertura de prazo ata o 22 de outubro para solicitar a agrupación nun único préstamo dos formalizados ata o 31 de decembro de 2018 cos distintos compartimentos do FFEELL, incluídos os correspondentes ao Fondo en liquidación para a Financiación dos Pagos a Proveedores, situación na que se atopa este concello. A medida referida é de obrigado cumprimento, non obstante requírese a solicitude de adhesión para a formalización da nova operación agrupada, aprobada polo Pleno Municipal, e a adaptación dos Plans de Axuste recollendo os efectos derivados da citada agrupación.

Este concello pechará o ano 2019 cun importe en préstamos bancarios de 10,036 millóns de euros, divididos en 7,9 do Plan de Pago a Proveedores, Real Decreto 4/2012 e Real Decreto 4/2013; ademais de dúas operacións anteriores, das cales restan 2,48 millóns de euros, estando estas dúas últimas en periodo de amortización. Non son os 11 millóns que referiu o PP de Viveiro na súa rolda de prensa.

No pleno do pasado luns, por parte do Tenente de Alcalde, indicouse que esta medida para os concellos que se atopan nunha situación similar á nosa pode ser un “flotador” que permita manter servizos xerais, cultura, obras deporte, movemento social, etc., ao tempo que se compaxina o día a día da actividade municipal coa redución de débeda, que este concello xa rebaixou dende 2014 en preto de 4 millóns de euros. Cabe citar, neste sentido, que medidas desta índole xa as aplicou o Partido Popular gobernando en España anteriormente.

Con respecto ao horario da convocatoria, cómpre indicar que se convocou a comisión informativa e o pleno, extraordinario e urxente, tendo en conta o pouco tempo de maniobra existente para a remisión do acordo cuxo prazo remataba, inicialmente, o día 22. Cando a comisión informativa e este pleno xa estaban convocados, o día 18 de outubro, a media mañá, recibiuse unha comunicación da FEMP indicando a ampliación do prazo ata o día 28. Polo tanto, en ningún caso houbo oscurantismo nin falta de interese na transparencia; simplemente se convocou tendo en conta a tramitación que había que realizar con posterioridade ao acordo plenario para poder cumprir cos prazos. Todo isto explicouse na propia sesión e naquel momento pareceu que todos os presentes entendían as razóns polas que este pleno fora convocado a esa hora; ante as declaracións realizadas parece que son outros os que actúan de mala fe.

Con respecto ás declaracións sobre o suposto cambio no plan de viabilidade económica aprobado no seu día para facer fronte á débeda municipal, hai que indicar que durante a vida das operacións bancarias -neste caso esixido pola Administración de Facenda do Estado- poden ter variacións ao longo do tempo.

Finalmente, con respecto á confianza deste goberno no plan de viabilidade e plan de axuste, cómpre aclarar que xa foi modificado noutras ocasións, elevado e aprobado polo máximo órgano municipal, que é o pleno.

O Grupo Municipal do PP quere que se reabra a OMIC ou que a piscina non peche nin os domingos nin os festivos, entre outras cuestións; pero non é compatible todo o que se pide e o mantemento dos servizos, se non se aproban medidas coma este que facilitan e difieren o pago da débeda e que neste caso, ademais, como xa se dixo, é de obrigado cumprimento.

Por todo isto, dende o goberno municipal, solicítase ao Partido Popular de Viveiro que deixe de enmarañar intentando confundir aos veciños ante a súa postura, votando en contra desta medida, cando a pregunta que cabe lanzar ao aire é se vostedes votarían igualmente en contra se o Goberno Central fose do Partido Popular.

O 1º Tenente de Alcalde e
Concelleiro de Facenda,
Jesús Fernández Fernández

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive