19 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“A provocación das peras”, por Félix Jorquera

05-11-19

Era cuestión de tempo. Tocoulle a unha pobre froiteira da Coruña, como podía sucederlle a un taberneiro de Benavente.
A procedencia dunhas froitas foi abondo para que un descerebrado de 70 anos (rachando o falso mito de que a violencia grautuita é territorio da mocidade) se liara a golpes con Sandra.
O pecado desta traballadora foi que unhas peras e tomates (o tomate é uha froita) do seu establecemento, procedían de Lleida. Digo Lleida e non Lérida, que é como nos últimos tempos se refiren a maioría dos medios estatais á única provincia catalana sen mar. Digo Lleida porque digo tamén Sanxenxo. Digo Lleida porque respectar un idioma é un xeito de respectar un pobo.
Debemos focalizar toda a culpa do condeable acto neste exaltado coruñés?, eu diría que non. A Sandra non a golpeou só este home. Sobre o seu rostro recaeu en equipo todo o odio sementado en meses dende moitos emisores da suposta razón e o orde. Polo tanto, medios de comunicación, opinadores de cantina e de atril son, entre moitos outros, partícipes desa agresión.
Descoñezo a situación persoal do culpable, mais non sería de estrañar que teña serios problemas coa súa pensión para chegar a fin de mes, para pagar unha factura de luz á que só lle falta a pistola e o pasamontañas para ser considerada un atraco a man armada oficialmente. Mais para este septuaxenario todo iso son cuestións menores comparadas coa afrenta que os cataláns lle imprimen a súa orgullosa existencia.
En Galicia, na Mariña, temos serios problemas co noso futuro. Vislumbramos un horizonte gris con Alcoa e as terribles consecuencias do seu hipotético peche. En Galica, na Mariña, temos en cuestión de semanas que afrontar as consecuencias dun Brexit que complicará de xeito directo ao noso sector pesqueiro. Son asuntos capitais, que incomprensiblemente navegan nun segundo plano para moita xente en comparación coa situación de Catalunya, que dito sexa de paso é preocupante.
Este país demostra unha vez máis que non afronta con mesura os problemas de convivencia. Trata de sofocalos con gasolina en vez de apostar polo entendemento, sementando odio e confrontación.
As imaxes de violencia que se viron polas rúas de Barcelona non poden aledar a ninguén, entendendo que a defensa das ideas teñen que buscar canles cívicos. Mais non nos cofundamos, os violentos non representan a un pobo, igual que as habituais algaradas tralos títulos do Barça non representan ao barcelonismo e aos barcelonistas espallados por todo o mundo.
Non estamos en guerra, ou polo menos quero entender que a maioría anhelamos a convivencia, respectando as ideoloxías.
Escribo este texto no día en que un cruel dictador é trasladado 44 anos tarde dun templo de exaltación.
Envalentonados por este feito e polo asunto catalán, infinidade de nostálixicos, e o máis preocupante neonostálxicos, esgrimen simboloxía fascista, entonan himnos de odio e ensaian saúdos que pensábamos, inocentes, esquecidos.
Segundo Nacións Unidas, España ostenta o triste récord de fosas comúns no planeta, tan só por detrás de Camboia. Son as silenciosas testemuñas dun golpe de estado que provocou unha guerra entre irmáns. Pasaron oitenta anos e todo semella voltar ao seu berce. Millóns de mortos, exiliados, terror e odio. Pechamos os ollos sen entender que esas terribles consecuencias agromaron con síntomas cativos, por exemplo a orixe dunhas peras nunha froitería.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive