20 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Mancomunidade promocionará A Mariña en Fitur como destino turístico slow

14-01-20

 A Mariña, 14 de xaneiro de 2020. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense promocionará a oferta do territorio e o xeodestino coma destino turístico slow na próxima edición de Fitur, que se celebrará do 22 ao 26 de xaneiro en Madrid.
Segundo explicou a axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade, Tania Ermida, “esta promoción terá lugar por un lado na presentación programada para o xoves 23 ás 17 horas no stand de Turismo de Galicia baixo o título A Mariña Lucense en 5 experiencias slow. Encargarase de trasladar as bondades do xeodestino aos distintos operadores turísticos asistentes ao acto o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, acompañado de representantes do Concello de Ribadeo e do Concello de Viveiro”.
Llano dixo que “neste acto a Mancomunidade ten por obxectivo presentar o xeodestino coma un destino turístico slow, propoñendo tanto ao viaxeiro individual coma aos distintos operadores turísticos empaparse da calidade de vida da Mariña Lucense, do propio e auténtico do territorio, de forma tranquila, da man dos seus anfitrións, a xente local. Con isto o ente persigue dúas cousas: que se escolla A Mariña fronte ás présas, aglomeracións, colas, asfalto e ruídos doutros destinos e se viaxe ao xeodestino co propósito de acumular vivencias e non por intentar visitar o maior número de recursos no menor tempo posible. A Mariña Lucense coma un destino de calidade, auténtico, multiexperiencial e por (re)descubrir”.
O presidente das Mancomunidade indicou que “deste xeito, durante o acto presentaranse 5 experiencias que falan de distintas formas de coñecer a Mariña Lucense e cuxo fío condutor é o turismo slow. Trátase do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia, das Rutas de Artesanía, das Audioguías Ficcionadas, das Xeorutas, da Ruta da Faba e da rica e variada gastronomía do territorio. Todas elas experiencias coas que coñecer e desfrutar en profundidade do xeodestino, dunha forma sostible e respectuosa, apostando polos valores diferenciais e imbuíndose na cultura local”.
Tania Ermida engadiu que “durante a presentación terá especial protagonismo a figura do anfitrión no xeodestino, clave tamén na filosofía do turismo slow, xa que ademais dos tres representantes que intervirán por parte da Mancomunidade, persoas vinculadas ás 5 experiencias poranlles voz con pezas de vídeo de 1 minuto de duración. Encargaranse de introducir as experiencias que logo ampliarán os poñentes nas súas intervencións. Trátase dunha forma de resaltar tamén a parte hospitalaria e única na que a xente local contribúe a facer destino”.
O traballo da Mancomunidade en Fitur irá máis aló xa que “concertaranse reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos coma de produtos e servizos turísticos do xeodestino, coñecer os servizos que ofrecen na Mariña Lucense, ampliar a presenza do xeodestino nos seus programas e a inclusión do xeodestino entre a súa oferta, de ser o caso”.
Esta tarde celebrouse unha xuntanza en Burela para pechar todos os flocos da presenza en Fitur da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive