05 de Xuño de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Carta do Alcalde de Foz ao Presidente da Xunta”, por Fran Cajoto

11-05-20

Foz, 8 de maio de 2020

Excelentísimo Sr. Presidente da Xunta de Galicia.

Escríbolle esta carta como alcalde-presidente do Concello de Foz, municipio situado no centro da franxa costeira da provincia de Lugo. Foz é o segundo concello por poboación da comarca da Mariña, con 9980 habitantes no padrón municipal a 1 de xaneiro de 2020.

Estamos todos xuntos a loitar contra un inimigo común como é o virus COVID-19, que produciu un número inasumible de falecidos e sobre o que debemos ter a maior das cautelas, especialmente no proceso de “desescalada” que estamos a comezar. Os expertos sanitarios advirten sobre un probable repunte ou novo brote de contaxios, o cal tensionaría de novo o sistema público de saúde que ao noso entender non ten a dimensión suficiente para unha pandemia destas características.

Foz é un concello eminentemente turístico, cunha poboación en época de verán que chega aos 30.000 habitantes. É nesta estación, especialmente nos meses de xullo e agosto, cando o Concello ten que estar preparado para recibir a todos os seus habitantes de tempada, con un incremento de persoal asociado a servizos básicos como é a recollida de lixo, a limpeza viaria e de praias e outros moitos.

Certamente, a estacionalidade é un factor complicado de xestionar, pero coa actual crise sanitaria provocada polo virus COVID-19 a organización tórnase máis difícil ca nunca.

Quero trasladarlle como alcalde a miña fonda preocupación sobre o tradicional dimensionamento dos servizos sanitarios en verán e preguntarlle sobre o plan organizativo da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia neste contexto de crise sanitaria. É endémica a falta de persoal no noso centro de saúde –con un servizo de pediatría que non se cobre a xornada completa- e que se pode converter nun auténtico colapso se atendemos ao aumento de poboación, sumado á cantidade de patoloxías comúns da poboación censada que non se atenderon ou se avaliaron por vía telefónica durante o período de confinamento, como no caso dos fisioterapeutas. O reforzo habitual dun médico para desprazados é claramente insuficiente, tendo en conta que non se cobren as baixas por vacacións do persoal do centro, e os protocolos a aplicar para evitar contaxios condicionarán o servizo. Tamén nos preocupa moito a capacidade e número de camas en planta e UCI do Hospital da Costa, o noso centro hospitalario de referencia e que pese á reforma do edificio non foi dotado de material e persoal humano para atender unha poboación que en verán pode superar os 200.000 habitantes. Non sería entendible nin xustificable que en lugar de incrementar o número de camas para atender a un maior número de poboación, se reducise como anos anteriores.

Rogo teña estas consideracións en conta e dote ao Centro de Saúde de Foz e ao Hospital da Costa dos medios humanos e materiais necesarios para atender o gran incremento de poboación previsto. A saúde debe ser a nosa gran preocupación, teña a absoluta certeza de que colaboraremos lealmente en todo aquilo que sexa necesario para lograr vencer ao virus do COVID-19.

Sen outro particular, despídese. Atentamente.
Francisco Cajoto Caserío.
Alcalde-Presidente do Concello de Foz.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive