06 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os populares sinalan que “o Goberno de Feijóo é garantía de investimento para a mellora das infraestruturas portuarias da Mariña”

29-06-20

 A Mariña, 29 de xuño, 2020. Os candidatos populares ao Parlamento galego, José Manuel Balseiro e Daniel Vega, aseguraron este luns na Mariña que “o Goberno de Feijóo é a garantía de que a nosa comarca siga recibindo investimentos para a mellora das nosas infraestruturas portuarias. Así o ten demostrado con feitos”, engadiron durante unha visita á Confraría de Pescadores de Ribadeo e a Burela que contou coa participación da conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Un dos exemplos da “implicación do Goberno galego cos mariñáns e as infraestruturas para o desenvolvemento de diversas actividades relacionadas co mar” constitúeo “a mellora do mobiliario para o seu uso por parte da Confraría de Pescadores de Ribadeo que lle permitirá optimizar as súas xestións diarias”. Neste caso, a mellora das súas instalacións coa modernización das oficinas da entidade foi posible tras acadar a cesión de uso de mobiliario por parte da Xunta de Galicia e co apoio da Federación Galega de Confrarías.

Os populares explicaron, por outra banda, que “Portos de Galicia investiu preto de 400.000 euros na recuperación do calado -ata alcanzar preto da cota -4- na canle de acceso a Mirasol e ao peirao deportivo de Ribadeo”. As obras de dragaxe que se atopan na fase final afectaron a unha lonxitude de 500 metros e a un ancho de 60 metros.

Asemade, tamén destacaron que Portos de Galicia ten xa en exposición pública o proxecto de dragaxe xeral da dársena de Ribadeo, e que incluirá a canle de acceso, a dársena náutico-recreativa de Porcillán, a dársena pesqueira así como tamén o peirao comercial de Mirasol, co obxectivo de recuperar o calado necesario. Os traballos prevén a execución de catro actuacións de dragaxe, unha primeira para a ampliación do calado, e tres posteriores de mantemento. En total extraeranse ao redor de 250.000 metros cúbicos de area. En canto aos áridos recuperados, proponse o seu aproveitamento para a rexeneración do areal de San Miguel de Reinante. O orzamento estímase en 3 millóns de euros.

Os candidatos do PPdeG lembraron que “a actuación do dragado en marcha súmase aos 7,9 millóns de euros que Portos de Galicia leva investidos en Ribadeo dende o 2009”, polo que, en conxunto “as achegas ao porto ribadense superan os 8,3 millóns neste período”.

“A este esforzo inversor para levar a cabo destacadas melloras nas infraestruturas do porto ribadense para contribuír a facilitar o desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira, hai que engadir tamén máis de 113.000 euros do plan de investimentos menores en portos e 283.000 dirixidos ao mantemento de infraestruturas portuarias”, puntualizaron.

BURELA
Balseiro e Vega puxeron en valor durante a súa visita a Burela acompañados da conselleira do Mar e o voceiro municipal do PP, Manuel Rouco, as últimas actuacións do Goberno galego dirixidas a mellorar a operatividade das instalacións do porto burelés que, ao mesmo tempo, ofrecen máis abrigo para a frota: a construción do segundo martelo.

Os candidatos populares lembraron a achega de máis dun millón de euros que o Goberno de Feijóo dirixe á ampliación en 8 metros do porto sur situado xunto á lonxa de ABSA e á construción dun espigón de 50 metros de lonxitude. “Con esta actuación, a Xunta da resposta ás necesidades trasladadas polo sector que ten demandado este segundo martelo para reducir a axitación no interior das dársenas, amortiguar a ondada do dique e, ao mesmo tempo, aumentar o espazo de atraque”, indicaron.

No seu conxunto, o Goberno galego leva achegado dende o 2009 preto de nove millóns de euros dirixidos ao porto de Burela e, a esta cantidade, haberá que engadir tamén os máis de 230.000 euros que están previsto investir o vindeiro ano nas obras de mellora, remodelación e acondicionamento da nave de redes.

Balseiro e Vega reiteraron “o cumprimento de Portos de Galicia coas súas competencias en relación ao mantemento das instalacións portuarias” e resaltaron “a vontade do Goberno de Feijóo de estudar as propostas do sector de cara á implantación de melloras tal e como leva feito nos últimos dez anos”, concluíron.

ASOCIACIÓN DE XUBILADOS A MONCLOA
Os populares mantiveron tamén un encontro con membros da asociación de xubilados A Moncloa, de Burela, que se reúnen tódolos días no local social situado na antiga lonxa e que Portos de Galicia contribuíu a acondicionar.

Tras escoitar as súas propostas, os candidatos do PPdeG destacaron “o valor” que supón que o colectivo integrado por xubilados do sector pesqueiro achega parte das súas pensións para facer doazóns a entidades benéficas locais.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive