13 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Novas medidas de Viveiro tras a orde deste venres respecto ao peche por Concellos da Mariña

11-07-20

 Viveiro, 11 de xullo, 2020. Vista a ORDE do 10 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, dende o goberno municipal quérese informar aos veciños e veciñas de Viveiro das medidas establecidas con respecto á mobilidade nestes concellos.

Esta orde establece tres áreas diferenciadas en función das limitacións a aplicar: o Concello de Burela (no que se limita a entrada e saída de persoas dende as 00.00 horas do día 11 de xullo); os Concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, por un lado; e os Concellos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, polo outro.

Polo que respecta aos Concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, a partir das 00.00 horas do día 11 de xullo de 2020, limítase a entrada e saída de persoas do ámbito territorial delimitado conxuntamente por estes municipio.

Os veciños e veciñas destes concellos (Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo) poden circular sen limitacións dentro do seu ámbito territorial; é dicir, poden circular libremente por calquera destes concellos, pero non poden saír do ámbito territorial delimitado polo conxunto dos mesmos.

Polo que atinxe aos Concellos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, poderán circular sen limitacións, pero sen entrar no ámbito territorial delimitado polos concellos de Burela, Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo.

A Orde do 10 de xullo establece as seguintes excepcións para entrar e saír deste ámbito territorial:

1º) Desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a prestación laboral, profesional ou empresarial, incluídos o transporte, a prestación de servizos, o comercio e as actividades empresariais e económicas.

2º) Retorno ao lugar de residencia habitual.

3º) Asistencia e coidado de maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

4º) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

5º) Por desprazamentos ao Hospital da Mariña ou desde o Hospital da Mariña, ou do mesmo modo, aos puntos de atención continuada de acordo coa asignación correspondente.

6º) Calquera outra actividade de análoga natureza.

Polo que atinxe ás eleccións do 12 de xullo non existe limitación de mobilidade para poder exercer o dereito ao voto. As persoas que se atopan en corentena por contacto estreito “salvo causas debidamente xustificadas” poderán ir a votar sen prexuízo de que deban cumprirse as medidas de seguridade establecidas e, en particular, o uso de máscara cirúrxica en todo momento, e que a saída se limite ao tempo estritamente necesario para o exercicio deste dereito ao voto.

Lémbrase así mesmo que, en virtude do establecido na ORDE do 10 de xullo de 2020, mantéñense as seguintes limitacións:

 Limítase a asistencia a velorios e enterros a 25 persoas en espazos ao aire libre ou 10 en espazos pechados.

 A asistencia a lugares de culto non poderá superar o 50% da súa capacidade.

 Ás cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civis que se leven a cabo en lugares de culto aplicanselle estas regras de capacidade. Nas celebracións que puidesen ter lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración deberase respectar un máximo de 100 persoas en espazos ao aire libre ou de 50 persoas en espazos pechado.

 Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o 50% da súa capacidade total.

 Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o 50 % da súa capacidade para consumo no interior do local, que só se poderá realizar sentado en mesa e mantendo a distancia de seguridade. Estes establecementos deben pechar non máis tarde das 23:30 horas, cun período máximo de desaloxo de trinta minutos.

Polo que respecta ao mercado semanal dos xoves, este mantense na súa ubicación temporal actual, tendo en conta que nesta localización conta cunha maior superficie que pemite que poidan colocarse os mesmos postos que ata este momento.

Finalmente, infórmase aos veciños e veciñas de Viveiro que este concello manterá as medidas acordadas o pasado 6 de xullo, como complementarias ás decretadas pola Consellería de Sanidade en data 5 de xullo. Estas medidas, que continuarán manténdonse vixentes, son as seguintes:

I.- Acordar o peche dos parques infantís e biosaudables municipais.

II.- Acordar o peche das instalacións deportivas municipais.

III.-Acordar o peche da totalidade dos baños públicos municipais, incluídos os baños e duchas existentes nas praias do municipio.

IV.-Reducir o aforo da biblioteca pública municipal ao 50%, establecendo como únicas actividades permitidas na mesma o estudo en sala e o uso dos ordenadores, debendo cumprirse coa distancia interpersoal e aforo establecido.

V.- Limitar a capacidade das terrazas ao 50%, segundo o establecido no punto 3.8.3 do Anexo da Orde do 5 de xullo da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

VI.- Encomendar a Protección Civil e á Policía Local, coa colaboración dos socorristas existentes en cada praia, o control dos accesos e capacidade das praias, co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios, procedéndose ao peche dos areais no suposto en que se detecten aglomeracións, ou incumprimento dos requisitos de capacidade e/ou distancia mínima interpersoal. A efectos de información á cidadanía e para facilitar o control, colocaranse carteis informativos do aforo máximo permitido en cada un dos areais.

As medidas establecidas nas Ordes da Consellería de Sanidade de datas 5 e 10 de xullo serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días.

Dende o Concello de Viveiro apélase á concienciación e responsabilidade de cada veciño e veciña para o cumprimento das medidas de prevención establecidas para intentar evitar a produción de contaxios, indicando que tanto a Policía Local como as Forzas e Corpos de Seguridade se encargarán de controlar o cumprimento destas indicacións.

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica existente na Mariña, faise preciso extremar as precaucións e lembrar que é necesario utilizar a mascarilla sempre, manter unha coidada hixiene de mans e gardar a distancia interpersoal. Dende o goberno municipal queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade, ao tempo que se solicita ao todos os veciños e veciñas o cumprimento estricto das limitacións e recomendacións establecidas pola Consellería de Sanidade nas Ordes do día 5 e 10 de xullo e por este Concello, mediante decreto, do pasado 6 de xullo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive