27 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Lorenzana destaca ante os empresarios de Lugo o compromiso da Xunta cara á reactivación cun orzamento histórico para 2021 e o plan para autónomos e microempresas

21-11-20

 Lugo, 21 de novembro de 2020. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantiveron hoxe un encontro coa directiva da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para avanzar nos proxectos que a Xunta está a desenvolver no camiño da reactivación económica e referendar o seu compromiso co tecido productivo mediante a aprobación onte dun orzamento de 11.563 millóns de euros -o maior da historia de Galicia- e a activación das liñas de axuda -dotadas con 84 millóns de euros – para axudar a persoas autónomas, microempresas e, en especial, ao sector da hostalaría.

Ante os representantes da CEL, Eduardo Valín e Jaime Luis López, conselleiro delegado e secretario xeral da entidade respectivamente, Lorenzana destacou a relevancia que o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector da hostalaría terá para os empresarios desta provincia “do que por suposto poderán beneficiarse os asociados da CEL e coñecidos máis afectados polas consecuencias da pandemia”, apuntou.

O plan, especificou a conselleira, “está dotado con 84 millóns de euros e caracterizado pola accesibilidade dos seus requisitos e a axilidade á hora de tramitar ás axudas, xa que en cuestión dun mes os primeiros solicitantes xa estarán cobrando o apoio económico para contribuír ao mantemento da súa actividade empresarial”.

“Os e as lucenses poderán seguir contando co compromiso da Xunta desde todos os departamentos que a conforman”, engadiu, para evidenciar a continuación que boa proba disto “son os presupostos que aprobamos no Consello do día de onte, cun total de 11.563 millóns de euros para o ano 2021, o que supón un incremento dun 14% con respecto a este ano”.

Nesta liña a titular de Emprego asegurou que “ante maiores dificultades maior é a aposta que realiza a Xunta polas galegas e galegos, e por iso onte anunciamos o maior presuposto da historia da nosa autonomía”.

Man tendida
A conselleira de Emprego e Igualdade visitou hoxe Lugo para coñecer de primeira man as necesidades máis urxentes dos e das lucenses. “Tanto eu, como titular da Consellería de Emprego e Igualdade, como en representación do equipo de Goberno da Xunta de Galicia, prometo atendelas e intentar darlles resposta o antes posible”, comprometeu.

A Xunta leva anos colaborando de xeito ininterrompido coa CEL, “entidade máis representativa e posiblemente máis lonxeva do ámbito empresarial” dixo Lorenzana. “Desde que entramos no Goberno no ano 2009 levamos investidos na Confederación de Empresarios de Lugo a través da área de Emprego máis de 7,4 millóns de euros”, engadiu.

Estas contías estiveron destinadas principalmente á realización de actividades de información, orientación e busca de emprego así como á formación para o emprego de persoas traballadoras ocupadas, unhas tarefas para as que a Xunta mantén a man tendida.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive