Site icon Crónica3.com A Mariña

De vítima a verdugo

Agora resulta que o galego é o culpable de que desapareza o castelán. Queren facernos comungar con rodas de muíño, facer dunha mentira unha verdade, volver o mundo do revés, escribir a historia ao seu modo. É duro soportar tanta hipocrisía. Pensei que remataran os tempos da ditadura, cando se perseguía o galego e me humillaban, chamándome “aldeano”, “ignorante”, cando me poñían de xeonllos na escola por falar en galego. Pero vexo que non, agora con métodos máis sutís, presuntamente democráticos, os patufos desleigados de sempre volven cargar contra o galego, inventando unha realidade na que se converten en vítimas.
Penso que é unha burla. Quen ten o poder, os que ostentan a forza dos cartos, da política, dos medios volven burlarse dos máis débiles. Cando controlaban o poder político de forma omnipresente, para que tiveramos calados fixeron leis a favor do galego, pero xa sabían que non se ían cumprir, porque eran eles quen tiñan que facela cumprir. Especialmente grave foi o incumprimento en educación e a consecuencia é a perda constante de falantes galegos.
Os feitos son que no propio país temos que pedir perdón por usar a nosa lingua. Os galegos temos a obriga de ser bilingües. Os que falan castelán non teñen necesidade de falar galego e sen embargo andan de vítimas no país dos ananos. Os pais xa renunciaron a transmitir a súa cultura e a súa lingua aos seus fillos. A prensa está escita en castelán, a radio e a televisión falan castelán, os ordenadores tamén, os rótulos dos comercios están es castelán, os funcionarios falan en castelán, os dependentes das tendas falan en castelán baixo ameaza de seren despedidos. Hai situación choqueiras como ocorre en Vigo, onde, no comercio, se falas en galego, contéstanche en castelán, se falas en portugués, contéstanche en galego.
Toda esta situación lémbrame aquel debuxo de Castelao no que uns nenos están xogando á pelota. O que leva zocos (castelán) dille ao que vai descalzo (galego) “Non vale dar cargas”.
E coma sempre, refuxiámonos na autoxenreira, desprezándonos a nós mesmos, refugamos o propio para seguir sobrevivindo coa filosofía de “mexan por un e hai que dicir que chove”. ¿Ata cando?

Exit mobile version