Site icon Crónica3.com A Mariña

Plan de igualdade entre mulleres e homes no concello de Burela

O pleno que se celebrará o xoves 26 no Concello de Burela aprobará a proposta para elaborar o segundo plan para a igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes do municipio, que se desenvolverá desde a concellaría da Igualdade. A edil nacionalista, Neves Cando, lembra que “Burela xa desenvolveu despois da súa aprobación en xaneiro de 2005 o primeiro plan ao longo dese ano e do 2006 que se centraba en catro áreas de intervención: información, sensibilización e medios de comunicación; educación en igualdade; saúde integral e promoción da inclusión social e cultura, ocio e deportes”. Cando engade que “no primeiro trimestre de 2007 fíxose unha avaliación deste primeiro plan e agora imos comenzar co segundo no que tomaremos coma referencia as liñas básicas que marca o goberno galego nesta área de actuación”.

O novo plan co que vai contar Burela abordará tres áreas: o acceso á información e aos recursos; a formación en igualdade entre homes e mulleres e a abordaxe integral da violencia de xénero. Neves Cando di que “a formación é un paso fundamental para acceder a unha sociedade xusta e igualitaria, e a violencia de xénero hai que abordala empezando polos mozos e mozas do concello que teñen que concienciarse para vivir nunha sociedade libre da lacra social da violencia contra as mulleres”.

A concelleira de Igualdade anuncia que durante o verán a súa delegación e as técnicas do CIM iniciarán as liñas básicas deste plan para despois presentárllelo entre setembro e outubro ás concelleiras da Corporación Municipal “para que colaboren, aporten, melloren e reflexionemos sobre as liñas de actuación e posteriormente será aprobado en pleno e despois comenzaremos a desenvolver este segundo plan para a igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes do Concello de Burela”.

No pleno de mañá pola tarde tamén se someterá a aprobación a incorporación de Burela á rede galega de concellos galegos pola sustentabilidade.

Exit mobile version